Ao abeiro do plan de cardioprotección iniciado polo Concello de Ames a finais do pasado ano, un total de oito persoas recibiron formación sobre o uso dos desfibriladores. Ao curso, dunha duración de cinco horas, acudiron un policía local, o conserxe do pavillón de Bertamiráns e varios representantes de clubs que utilizan con regularidade os pavillóns deportivos e os campos de fútbol municipais.
O Concello de Ames converteuse a finais do 2018 nun dos poucos municipios con servizo integral de cardioprotección intelixente, o que foi posible gracias á instalación de catro desfibriladores DOC, que se uniron ao que xa posuía Protección Civil. Así, o municipio amesá conta cun total de cinco desfribriladores: o da Protección Civil, un para a Casa da Cultura e o pavillón do Milladoiro, un no campo de fútbol desa mesma localidade, outro para o pavillón e o campo de fútbol de Bertamiráns, e un último a disposición da Policía Local.
Co obxectivo desta actividade é que ditas localizacións conten coa presencia de persoas adecuadamente formadas para poder garantir unha rápida actuación en caso de paro cardíaco repentino ata a chegada dos servizos médicos de emerxencia, o Concello organizou os dous últimos xoves do mes de marzo un curso de cinco horas sobre o uso e técnicas a realizar con estes dispositivos. A dita formación acudiron o conserxe do pavillón de Bertamiráns, un policía local de Ames e varios representantes de clubs que utilizan con regularidade os pavillóns deportivos e os campos de fútbol municipais. Ambas sesión tiveron lugar nunha das salas do Pazo da Peregrina de Bertamiráns en horario de 19.30 a 22.00 horas.
Este curso únese á programación de formación que realizou o goberno municipal ao longo do pasado ano, no que o persoal municipal tivo a oportunidade de coñecer con detalle o uso e técnicas a realizar con estes dispositivos. Nesta ocasión a oferta formativa ampliouse a monitores/as das entidades deportivas locais de cara a que calquera deles poida, en caso de urxencia, utilizar un dos equipos e salvar unha vida.
Un concello cardioprotexido
Nesta iniciativa, o Concello de Ames, colócase tamén na vangarda tecnolóxica que o converte nun dos poucos municipios que conta cun servizo integral de cardioprotección intelixente. Cada un dos catro últimos desfibriladores instalados no concello conta cun sistema que monitoriza o equipo, asegurando o seu correcto funcionamento no caso de que sexa necesario, ademais de ofrecer un servizo de teleasistencia que guía ao usuario na maneira de proceder se se produce un accidente cardíaco.
Para que as posibilidades de supervivencia ante un paro cardíaco repentino sexan óptimas, débese realizar de forma inmediata unha resucitación cardiopulmonar (RCP) que permita manter o fluxo necesario de sangue osixenado ao cerebro ata que se restableza o ritmo cardíaco normal mediante a descarga eléctrica fornecida por un desfibrilador. O tempo máximo para aplicar a desfibrilación a unha persoa que sufriu un paro cardíaco repentino é dun máximo de 5 minutos.







