Pestanas principais

O Concello de Ames felicita ao equipo xuvenil B do Bertamiráns FC polo seu ascenso á primeira autonómica

Martes, 29 de abril de 2014

[29-04-2014] O equipo xuvenil B do Bertamiráns FC conseguiu este sábado pasado o ascenso á primeira autonómica, categoría na que xogará a vindeira temporada 2014-2015. O ascenso conseguírono despois de gañarlle a domicilio ao CD Belvís por 0-6. Deste xeito, proclamábase campión do grupo 3 da segunda autonómica e lograba o ascenso á primeira autonómica. A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, felicitou en nome do Concello de Ames ao Bertamiráns FC por este novo éxito deportivo.


O sábado pasado o equipo xuvenil B do Bertamiráns FC conseguiu gañarlle a domicilio ao CD Belvís por 0-6. Deste xeito, sumaba 66 puntos e sacáballe unha diferenza de 8 puntos ao segundo clasificado. A falta de dúas xornadas para o final desta competición o equipo adestrado por Anxo Doval proclamábase campión do grupo 3 da segunda autonómica e lograba o ascenso á primeira autonómica. O equipo xuvenil B do Bertamiráns FC proclamouse campión con 21 vitorias, 3 empates e 0 derrotas, anotando 130 goles e encaixando tan só 12.

Este equipo está composto por Pedro na portaría; Rocha, Cohen, Dani, Arteaga, Hermida, Raúl e Acebedo na liña defensiva; Mateo, Carlos, Alvite, Xabi, Matías, Meijide, Kevin e Miguel no medio campo; e Álvaro, Álex e Casti na dianteira.

Equipo alevín de fútbol sala das EDM de Ames
Por outra banda, hai que destacar que o equipo alevín das Escolas Deportivas Municipais de Ames disputou a semana pasada a final da fase provincial de fútbol sala contra o equipo ferrolán do Parrulo Fútbol Sala. O partido de ida xogouse o xoves, 24 de abril, no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns, mentres que o encontro de volta disputouse o venres, 25 de abril, no Palacio Municipal de Ferrol. O equipo amiense non puido proclamarse campión provincial, xa que perdeu os dous partidos polo mesmo resultado, 2-0. O equipo das EDM de Ames accedeu á final despois de quedar campión na fase regular da Liga de fútbol sala de Santiago de Compostela.