Pestanas principais

O Concello de Ames felicita ao Bertamiráns F.C. polo seu histórico ascenso á Terceira División

Sábado, 29 de xuño de 2013

[29-06-2013] O Concello de Ames felicita ao Bertamiráns F.C, que vén de certificar o seu histórico ascenso á Terceira División. O alcalde de Ames, Santiago Amor, acaba de trasladarlle os seus parabéns ao presidente da entidade, Rafael Budiño, para que lle faga extensiva a felicitación ao resto da directiva, ao corpo técnico e a todos os seus xogadores. O rexedor expresou o orgullo do Concello de Ames pola excelente tempada realizada polo equipo, que agora culmina co ascenso de categoría. Trátase da primeira ocasión na que un equipo de fútbol deste concello xoga nunha categoría nacional, co que iso representa pola posibilidade de levar o nome de Ames por toda Galicia.

O rexedor amiense fai fincapé en que “este ascenso e os resultados acadados esta tempada son froito dun excelente traballo tanto dos xogadores, como tamén dos directivos e adestradores que dedican moito do seu tempo por este club”. Santiago Amor destaca o importantísimo papel que xoga o deporte no Concello de Ames, que conta con clubs da talla do Bertamiráns F.C. ou do Milladoiro S.D.

O Concello de Ames colabora estreitamente co Bertamiráns F.C na realización das escolas deportivas municipais e realiza investimentos nas súas instalacións, como o recente convenio asinado coa Deputación da Coruña para a mellora do peche do campo e a realización de diversas obras.

O ascenso a Terceira División únese aos acadados a pasada fin de semana polo Milladoiro S.D e polo Bertamiráns F.C á Liga Galega Infantil, onde a próxima tempada representarán ao municipio de Ames nesta categoría xunto a equipos de toda a provincia da Coruña e Lugo. Trátase da primeira vez na historia dos dous clubs amienses que conseguen este logro cun dos seus equipos, culminando ambos unha brillante temporada futbolística. O Concello de Ames tamén quere felicitar aos dous clubs e a todos os xogadores polos éxitos acadados no resto de categorías e, sobre todo, polo traballo que realizan na promoción do deporte nas categorías base e no fútbol de formación.