[01-06-2018] Este xoves, 31 de maio, o alcalde, José Miñones, e a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, recibiron no salón de plenos da Casa do Concello aos membros do equipo gañador do Club de Debate, é dicir, ás mozas e ao mozo que conformaron o equipo Abrapalabra, do IES de Ames. Na recepción tamén participaron outras e outros concelleiros do goberno, así como dos grupos municipais da oposición. As rapazas e o rapaz do equipo Abrapalabra recibiron como agasallo un libro de imaxes de Ames; así mesmo, tamén aproveitaron a recepción para asinar no Libro de Honra do Concello.
Este xoves, o alcalde e algunhas das concelleiras e concelleiros do grupo de goberno e da corporación municipal puideron parabenizar ás mozas e ao mozo do equipo Abrapalabra, do IES de Ames, que resultou gañador na fase final do Club de Debate 2018. A recepción, que se celebrou ás 20:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello, incluíu a entrega dun libro con imaxes do municipio ás rapazas e ao rapaz do equipo. As alumnas Paula Pérez, Marta Rey, Elena Martínez, Eva Santamaría, Carmen Valiño, Sara Pérez e César Asensi asinaron asemade o libro de honra do Concello de Ames durante a recepción.
O alcalde, José Miñones, quixo destacar a importancia do esforzo realizado polo alumnado participante no Club de Debate: “Este éxito reflicte como con traballo conséguense os obxectivos que un se propón. Ao goberno municipal gústanos moito esta iniciativa porque fomenta o traballo en equipo e axuda ás rapazas e aos rapaces a expresarse en público, algo moi necesario e útil para o seu futuro ”. Do mesmo xeito, o alcalde puxo en valor o nivel do equipo: “En Ames temos moi boa canteira. Alegrámonos que gañarades a fase final do Club de Debate. O ano pasado algúns de vos chegastes á final pero non conseguistes gañar. Iso serviuvos de experiencia para este ano, para volver a intentalo e finalmente acadar a primeira posición. Parabéns por iso e por ser o primeiro equipo de Ames que gaña o Club de Debate”.
Para as rapazas e rapaces participantes o mellor desta experiencia foi pórse en diferentes situacións, tanto a favor dun tema como en contra. Ademais, indicaron que o Club de Debate fomenta o pensamento crítico e axuda a falar en público. As mozas e o mozo do equipo Abrapalabra tamén apuntaron a que este ano xa tiñan máis experiencia, despois de participar na edición de 2017, e que lles axudou moito a preparación obtida nas xornadas que foron impartidas por Iván Olmos Ferreiro, experto en oratoria e habilidades comunicativas, ademais de subcampión nacional e semifinalista mundial de debate.
A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, preguntoulles que tal se sentiran falando en galego e animounos a seguir usando a lingua. “Falando é como se aprende e se mellora un idioma. Este é un dos principais obxectivos desta iniciativa: axudarvos a mellorar as vosas habilidades de expresión oral e de uso do galego. Tivestes a oportunidade de namorarvos do galego, así que anímovos a seguir usándoo todos os días porque é unha lingua que vale a pena”.
O profesor do IES de Ames, Carlos Negro, pechou a quenda de intervencións expresando que “este equipo foi o gañador, pero o recoñecemento ten que ser para os tres equipos do IES de Ames que participaron nesta edición do Club de Debate, así como para ao resto de profesorado preparador, Iria e Serxio. Esta iniciativa destaca pola súa calidade desde o punto de vista educativo e amosa que desde o ensino público, e coa colaboracións dos concellos, se poden desenvolver programas formativos de moita calidade para o alumnado. Este grupo ademais destaca pola súa calidade humana e polo compañeirismo que demostrou”.








