Pestanas principais

O Concello de Ames fai un chamamento ás familias para acoller nenos e nenas saharauís durante o verán

Mércores, 11 de febreiro de 2015

[11-02-2015] A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí celebrou onte unha reunión para informar sobre o programa de acollida Vacacións en Paz. A través desta iniciativa, as familias amesás poderán acoller un neno ou nena saharauí, de entre 6 e 12 anos, durante os meses de xullo e agosto. As persoas interesadas en participar, poden chamar ao número de teléfono 662 371 079.

Dende o Concello de Ames queren animar á veciñanza a inscribirse nesta acción e anuncian a convocatoria dunha nova xuntanza informativa para os vindeiros días.  

Esther Ybarra, voceira da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí en Santiago, explica que “urxe atopar unhas catro ou cinco familias amesás porque os prazos de solicitude expiran proximamente e non queremos que ningún rapaz quede sen fogar de acollida”.  

O programa persegue a solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciar unha estancia agradable e humanamente rica a estes nenos que viven unha difícil situación nos campamentos de refuxiados de Tindouf, Alxeria.

O Concello de Ames actuará de mediador entre as familias e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para xestionar a estadía dos rapaces e farase cargo do custo do billete de avión –ida e volta– de cada neno.