[17-07-2015] O goberno municipal acaba de publicar un bando sobre a importancia da moderación no consumo e o uso responsable da auga durante a época estival. Deste xeito, faise un chamamento á veciñanza amesá para que realicen un consumo responsable de auga. Debido a vaga de calor deste verán comezaron a detectarse os primeiros problemas de abastecemento de auga. Debido a iso, o Concello de Ames adoptou unha serie de medidas para reducir o consumo de auga. Ademais, instase aos veciños e veciñas a facer un uso responsable deste recurso natural.
Despois dunha primavera moi seca, con precipitacións un 30% menores ao habitual, e ante un verán que segundo os prognósticos da AEMET vai ter temperaturas altas, o Concello de Ames insta aos veciños e veciñas a facer un uso responsable da auga. A vaga de calor destas semanas xa está provocando que se produzan os primeiros problemas no abastecemento de auga.
O concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, indica que “se trata dun problema puntual debido ao excesivo consumo de auga e as altas temperaturas que estamos tendo durante o comezo do verán. Neste días o consumo de auga, imprescindible nas nosas vidas, aumenta en exceso o que, acompañado de condicións meteorolóxicas adversas, pode dar lugar a unha diminución nos caudais e as conseguintes medidas restritivas e correctoras de auga”.
A implicación e participación veciñal no coidado deste recurso é imprescindible para acadar un bo resultado e por iso o Concello de Ames fai un chamamento á moderación e á responsabilidade no consumo de auga. Deste xeito, dende o Concello trátase de concienciar aos veciños e veciñas de que é necesario adoptar unha serie de pautas e bos comportamento para reducir o consumo de auga como poden ser evitar o exceso no consumo de auga potable nos usos domésticos e industriais; no facer baleirado de piscinas; empregar rego por goteo e non lavar os coches con mangueiras de auga potable.
Medidas para reducir o consumo de auga
Dende o propio Concello tamén se adoptaron unha serie de medidas para reducir o consumo de auga como son controlar e reducir o rego dos xardíns e das zonas verdes municipais públicas. Ademais, falouse coa empresa Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza, para que reduza a cantidade de auga potable que gasta nos baldeos e servizos de limpeza que realiza polas rúas, beirarrúas e nas prazas municipais.
Segundo explica Blas García “todas estas accións e medidas están encamiñadas para reducir o consumo de auga durante está época estival. A auga é un ben colectivo e está en mans de todos e todas garantir o seu subministro na cantidade e calidade axeitada”. Por último, o edil de Servizos Básicos, lembra que “se algún veciño ou veciña detecta a existencia de avarías ou fugas no sistema de subministro de auga municipal, por favor póñase en contacto co Concello para solucionalo o máis axiña posible”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames restringe el riego de jardines y calles para reducir el consumo de agua potable"
El Correo Gallego: "Ames pide a los vecinos un consumo responsable del agua y reducirá el riego para las zonas verdes"




