Pestanas principais

O Concello de Ames fai públicos os gañadores/as do X Certame Artístico-Literario Intercentros

Xoves, 10 de maio de 2018

[10-05-2018] O Concello de Ames fixo público este xoves, 10 de maio, o nome das obras premiadas na décima edición do Certame Artístico-Literario Intercentros, dirixido ao alumnado amesán, e que contou con 74 traballos presentados. Este ano o xurado do certame estivo composto por Elba Baldomir Turnes e Rosa Moreiras Cuñarro, persoal do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, así como por Isabel Vaquero Quintela, concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística. Os premios entregaranse o día 16 de maio nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro.

Este xoves, 10 de maio, falláronse os premios da décima edición do Certame Artístico-Literario Intercentros que estivo dirixido ao alumnado amesán. Este concurso consta de dúas categorías: a primeira para o alumnado de 3º e 4º de primaria e a segunda para os rapaces e rapazas que cursan estudos de 5º e 6º de primaria.

Neste certame presentáronse un total de 74 obras (10 do CEIP A Maía; 22 do CEIP Agro do Muíño; 24 do CEP de Ventín e 19 do CEIP de Barouta). Na primeira categoría presentáronse 44 traballos, mentres que na segunda houbo 30.

O xurado do X Certame artístico-literario Intercentros Concello de Ames estivo formado por Elba Baldomir Turnes e Rosa Moreiras Cuñarro, persoal do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, así como por Isabel Vaquero Quintela, concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística.

Alumnado premiado
Na primeira categoría (alumnado de 3º e 4º de educación primaria) o primeiro premio dotado con 100 euros é para Sara Canseco Prieto de 4º A do CEIP Agro do Muíño polo traballo Sara e as palabras. O segundo premio de 80 euros foi outorgado a Fabio Suárez González de 4º D do CEP de Ventín pola obra A lingua galega, mentres que o terceiro premio de 50 euros foi para Xoel Lago de 4º C do CEP de Ventín polo traballo Oín a miña lingua.

Na segunda categoría (alumnado de 5º e 6º curso de primaria), o primeiro premio recaeu en Antía Somoza, alumna de 5ºC do CEP de Ventín, polo seu traballo O galego. O segundo premio foi outorgado a Candela Vázquez de 5º B do CEIP Agro do Muíño, pola súa obra O meu galego. O terceiro dos premios desta categoría foi entregado a Noa de Blas de 5º C do CEIP Agro do Muíño, pola súa proposta Eu son burgalego. A dotación destes premios, que serán canxeables nas librarías municipais, é semellante aos da primeira categoría.

Así mesmo, o xurado decidiu outorgar dúas mencións especiais, sen dotación económica, aos traballos O noso galego e María Victoria Moreno, pola súa calidade e orixinalidade, así como pola súa relación coa autora homenaxeada este ano. A primeira obra é un traballo das alumnas de 6º B do CEIP Agro do Muíño, Danna A Rosas e Fernanda Pinto; mentres que o segundo corresponde a Gael da Silva de 4º B do CEIP de Ventín.