Pestanas principais

O Concello de Ames fai público os gañadores/as do XIV Certame Literario de narrativa e poesía e do IX Certame Artístico-Literario Intercentros

Mércores, 10 de maio de 2017

[10-05-2017] O Concello de Ames fixo público este mércores, 10 de maio, o nome das obras premiadas na décimo cuarta edición do Certame Literario de narrativa e poesía. O concurso reuniu un total de 129 traballos procedentes de toda Galicia e de varias localidades do resto de España. Na modalidade de poesía houbo 69 traballos, mentres que en narrativa presentáronse 60 obras. Ademais, falláronse os premios da novena edición do Certame Artístico-Literario Intercentros, dirixido ao alumnado amesán, e que contou con 98 traballos presentados. Este ano o xurado do certame estivo composto pola profesora Dolores Vilaverda, o escritor Manuel Portas e o poeta Ismael Ramos. Os premios entregaranse o día 16 de maio nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro.

Na modalidade de narrativa (categoría de ata 13 anos) o gañador foi Daniel Souto, do concello de Brión, coa obra Vía libre. O segundo clasificado foi Manuel Muñoz, de Carballo, coa peza O mundo imaxinario de Uxío, mentres que na terceira posición quedou Rosalía Sáez, de Santiago de Compostela, co traballo O rostro dun asasinato. Na segunda categoría (dos 14 aos 17 anos) a gañadora foi Iria Freire, de Negreira, coa obra Unha gaiola para a luz. A segunda clasificada foi Ana Barros, de Marín, coa peza Bala Perdida, e na terceira posición quedou Lucía Fuentes, tamén de Negreira, co traballo A vida de Marta. Na terceira e última categoría (18 anos ou máis) o gañador foi Antonio Piñeiro, de Ribeira, con Sinfonía con quinto esquerda. A segunda posición foi para Santiago Casal, de Oleiros, coa peza Pel de mazá, mentres que na terceira posición quedou Martiño Maseda, de Vilalba, co traballo Omnisciencia.

Na modalidade de poesía (categoría de ata 13 anos) o primeiro premio foi para Paula Domínguez, de Pontevedra, coa obra Romance da moza que quería ser tamén andoriña. O segundo clasificado foi Anxo Villanueva, de Ames, coa peza Monstro, mentres que na terceira posición quedou Rodrigo Fontán, tamén de Ames, co traballo A gata saleta. Na segunda categoría (dos 14 aos 17 anos) o primeiro premio foi para Manuel Xiráldez, de Brión, coa obra De amor en vela. O segundo premio recaeu en Laura López, de Lugo, coa peza Pergameos Contemporáneos, e na terceira posición quedou Irene Rico, de Burela, con Euxénese poética. Por último, na categoría de 18 anos ou máis, a gañadora foi Arancha Nogueira, de Ourense, coa obra Para ser de ti, a segunda clasificada foi Sara Villar, de Silleda, coa peza The dreamers, e na terceira posición quedou Luís Rodríguez, de Ames, co traballo Deus: Making off.

Este ano o xurado do certame estivo composto pola profesora e crítica literaria, Dolores Vilavedra Fernández, que exerce o seu labor docente na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais forma parte do consello de redacción da revista Grial e dirixe a sección de crítica literaria. Outro dos membros do xurado foi o escritor e profesor, Manuel Portas. Tanto Vilavedra como Portas son veciños de Ames xa que viven no concello amesán. O terceiro membro do xurado foi Ismael Ramos Castelo que é filólogo e poeta. Ramos gañou varias veces premios tanto de narrativa como de poesía no Certame Literario de Ames.

IX Certame artístico-literario Intercentros
Ademais, falláronse os premios da novena edición do Certame Artístico-Literario Intercentros que estivo dirixido ao alumnado amesán. Este concurso consta de dúas categorías: a primeira para o alumnado de 3º e 4º de primaria e a segunda para os rapaces e rapazas que cursan estudos de 5º e 6º de primaria. Neste certame presentáronse un total de 98 obras (43 do CEIP A Maía; 42 do CEIP Agro do Muíño; 10 do CEP de Ventín e 3 do CEIP de Barouta). Na primeira categoría presentáronse 56 traballos, mentres que na segunda houbo 42. O número total de alumnos/as participantes foi de 136. O xurado deste certame estivo formado por María del Mar Prieto, María Vázquez e Rosa Moreiras. Premendo nas ligazóns que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar os/as gañadores/as de ambos certames.