[24-03-2012] O Goberno municipal de Ames mostra o seu compromiso co proceso de transparencia que debe rexer en todas as administración locais e acaba de publicar na web municipal a relación de facturas que enviou ao Ministerio de Economía e Facenda. As facturas, que xa poden ser consultadas por provedores e interesados, están identificadas co seu correspondente número e o CIF da entidade emisora. Neste documento non figura a denominación das empresas que emitiron as devanditas facturas co fin de salvagardar a súa privacidade. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a relación certificada de facturas e provedores segundo RDL 4/2012.
O Concello de Ames envioulle ao Ministerio de Economía e Facenda unha relación de 836 facturas, emitidas por 205 provedores con data anterior ao 1 de xaneiro de 2012, que suman un importe total de 2.228.813,65 euros. Trátase de obrigacións pendentes de pago a contratistas, vencidas, líquidas e esixibles, relativas a contratos de obras, servizos ou subministración incluídos no ámbito de aplicación do texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público. Segundo xa foi comunicado oficialmente, os grupos da oposición terán igualmente acceso á relación certificada das facturas e as propias facturas. Poderán obter tamén unha copia da relación de facturas no departamento municipal de Intervención.
Este proceso de pagamento a provedores é posible grazas ao mecanismo de financiamento habilitado polo Goberno do Estado a través do Real Decreto Lei 4/12, de 24 de febreiro. O goberno municipal incide en que este plan de pagamentos permitirá responder de forma eficaz á complicada situación económica herdada, na que moitas empresas que estaban a traballar co Concello de Ames non tiñan un horizonte claro para cobrar polo servizo prestado.
Neste sentido, os responsables municipais aseguran que este novo mecanismo contribuirá a consolidar o traballo xa feito nos últimos meses para dotar de liquidez o Concello de Ames. Así, lémbrase que a formalización dunha operación de tesouraría co Banco Bilbao Vizcaya Argentaria permitiu xa ao Concello de Ames no mes de febreiro dispor dun límite máximo de 2.775.000 euros, a través dunha conta de crédito, para afrontar pagamentos de facturas a provedores.
Desde o Goberno municipal incídese ademais na importancia de ter conseguido a liquidación das contas de 2010 dentro do exercicio de 2011, feito que permitiu asegurar a transferencia de 400.000 euros que o Concello de Ames recibe mensualmente como participación nos tributos do Estado. Do mesmo xeito, ter liquidadas as contas en prazo permitiu tamén que o Concello de Ames siga optando ás subvencións convocadas pola Xunta de Galicia, xa que a Administración autonómica estableceu por decreto que, para concorrer ás súas convocatorias de axudas, as entidades interesadas deben ter pechado o exercicio anterior.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames hace pública la relación de facturas que envió a Hacienda"