Pestanas principais

O Concello de Ames expón o censo electoral de cara á formación das listas de candidatos a xurado

Martes, 18 de setembro de 2012

[18-09-2012] O Concello de Ames informa de que desde hoxe e ata o vindeiro día 22 de setembro, así como os días 24 e 25 deste mes, estará en exposición pública o censo electoral para a formación das listas de candidatos a xurado. De conformidade coa Lei Orgánica 5/1995 do Tribunal do Xurado, do 22 de maio, o sorteo para a elaboración destas listas levarase a cabo o próximo 26 de setembro, ás 12:00 horas, na Sala de Xuntas da Delegación Provincial do Instituto Nacional de Estadística (INE) na Coruña. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar o bando.

Os veciños e veciñas de Ames poderán consultar o censo electoral entre os días 18 e 22 de setembro e os días 24 e 25 do mesmo mes. Os lugares de exposición serán as Oficinas Municipais, situadas na Casa do Concello de Bertamiráns, e a oficina do Milladoiro (Rúa de Abaixo, número 10).

Do martes, 18 de setembro, ao venres o horario de exposición será de 09:00 a 14:00 horas. O sábado, 22 de setembro, o horario será o mesmo, pero só se poderá facer a consulta nas oficinas de Bertamiráns. Por último, o luns e o martes poderá consultarse o censo en Bertamiráns e Milladoiro entre as 09:00 e as 14:00 horas. A documentación a aportar para a consulta será o DNI, pasaporte ou carné de conducir.