Pestanas principais

O Concello de Ames executou obras de mellora nas instalacións deportivas do Milladoiro

Xoves, 14 de agosto de 2014

[14-08-2014] O Concello de Ames reformou a pista polideportiva de tenis que está situada na área deportiva do Milladoiro, ao lado da Casa da Cultura desta localidade. Estas obras, que xa remataron, consistiron na reposición do pavimento da devandita pista. Os traballos de actuación realizáronse nunha superficie total de 995,50 metros cadrados. Esta obra contou cun presuposto de 33.390 euros. Ademais, o Goberno municipal acaba de aprobar en Xunta de Goberno Local a adxudicación da contratación das obras de pintado no interior do pavillón de Milladoiro. A través deste proxecto preténdese acondicionar a parte interna do devandito pavillón que conta cun gran uso ao longo de todo o ano. Estas obras terán un custo de 10.252 euros. En total, o Goberno municipal destinará 43.642 euros á mellora destas instalacións deportivas do Milladoiro.

Aproveitando a diminución da actividade nas instalacións deportivas do Milladoiro durante a época de verán o Concello de Ames realizou varias obras nestas instalacións co fin de mellorar as súas condicións de uso. Deste xeito, o Concello de Ames reformou a pista polideportiva de tenis que está situada na área deportiva do Milladoiro, ao lado da Casa da Cultura desta localidade. Estes traballos consistiron principalmente na construción dun novo pavimento ríxido no que se empregou o formigón puído. Este pavimento instalouse encima do pavimento existente, previa limpeza do mesmo con auga a presión e tratamento herbicida para a eliminación de malas herbas.

Nos laterais da pista instaláronse canaletas de desaugadoiro para a recollida de augas de choiva ou rega. Esta canaletas de recollida de pluviais conectáronse á rede existente mediante un sistema de arquetas, rexistrables, e tubaxes de PVC. Os traballos de actuación realizáronse nunha superficie total de 995,50 metros cadrados. Esta obra contou cun presuposto de 33.390 euros.

No momento da execución dos traballos tívose especial coidado no replanteo e colocación das ancoraxes para a fixación das redes de tenis, tendo en conta a cota de terminación do novo pavimento e a regulamentación deportiva vixente. As ancoraxes do equipamento deportivo están encaixadas sen sobresaír do pavimento e as súas tapas están enrasadas co mesmo e cun peche inmóbil ante as accións do xogo. Os elementos metálicos do equipamento deportivo son inoxidables ou están protexidos da corrosión.

Pintado do pavillón do Milladoiro
Por outra banda, o Goberno amiense, reunido en Xunta de Goberno Local, deu luz verde á aprobación das obras de pintado interior do pavillón municipal do Milladoiro, que consistirán na aplicación de pintura plástica lisa impermeabilizante para exteriores de ladrillo ou cemento.

Estes traballos de pintado realizaranse nas catro paredes interiores do pavillón e nas zonas de acceso. En total, esta actuación levarase a cabo nunha superficie de 1.883 metros cadrados. As obras de pintado foron adxudicadas á empresa Pinturas Félix Bouzas Fernández Pintura y Decoración por un importe de 10.252 euros.

Investimento de 43.642 euros
A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, explicou que “a través desta obras o Goberno municipal destinará 43.642 euros á mellora destas instalacións deportivas do Milladoiro”. María Eugenia Martín engadiu que “trátase dunhas actuacións moi necesarias para O Milladoiro xa que estas pistas polideportivas teñen un gran uso por parte da veciñanza desta localidade”.

A concelleira de Deportes tamén destacou que “a través destas actuación dotouse á localidade do Milladoiro dunha pista de tenis en boas condicións, para que todas as persoas que o desexen poidan practicar este deporte nesta instalación municipal. Dende a concellaría de Deportes estase fomentando a práctica deste deporte”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Finalizan las obras en la pista de tenis de Milladoiro y aprueban fondos para el pabellón"