Pestanas principais

O Concello de Ames executará obras no CEP de Ventín, Milladoiro, Trasmonte e Lens por valor de 76.317 euros

Xoves, 21 de agosto de 2014

[21-08-2014] O goberno municipal, reunido en Xunta de Goberno Local, vén de aprobar o inicio do expediente de contratación de varias obras que están incluídas no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña correspondentes ao exercicio 2014. O paquete de obras que se sacou a licitación recolle a dotación dun aparcamento para o CEP de Ventín; o asfaltado no tramo que dá continuidade entre a rúa do Seixo e a estrada DP-0206; a pavimentación do camiño que vai dende O Portanxil ata Trasmonte; e o asfaltado interior na aldea de Lens. Nestas catro obras o Concello de Ames investirá un total de 76.317 euros.

O Concello de Ames executará este ano varios proxectos que están sufragados con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña. Para elo o goberno amiense, reunido en Xunta de Goberno Local, aprobou o inicio da contratación das obras para dotar ao CEP de Ventín dun aparcamento, os traballos de asfaltado no tramo que dá continuidade entre a rúa do Seixo e a estrada DP-0206; a pavimentación do camiño que vai dende O Portanxil ata Trasmonte; e o asfaltado interior na aldea de Lens. Nestas catro obras o Concello de Ames investirá un total de 76.317 euros.

No proxecto para dotar dun aparcamento ao CEP de Ventín e nos traballos de asfaltado no tramo que dá continuidade entre a rúa do Seixo e a estrada DP-0206 investiranse 36.612 euros. O aparcamento do colexio de Ventín disporá dunha superficie de 1.715 metros cadrados (49 x 35 metros). Os traballos que se realizarán serán o acondicionamento do terreo coa correspondente nivelación e rasanteo. Posteriormente, executarase a pavimentación desta superficie con quince centímetros de grava e aplicarase un triple tratamento asfáltico. No proxecto desta obra tamén se contempla a colocación de 115 metros de bordo de formigón, a canalización de 4 metros de taxea de formigón de 30 centímetros de diámetro para drenaxe, a colocación de 49 metros de varanda metálica para defensas e a sinalización vertical coa colocación dunha sinal de stop.

Na obra de asfaltado no tramo que dá continuidade entre a rúa do Seixo e a estrada DP-0206 actuarase nunha superficie de 118 metros de longo por 8 metros de ancho. Neste caso, preténdese pavimentar esta vía con dez centímetros de zahorra de canteira, doce de grava, e posteriormente, a aplicación dun triple tratamento asfáltico. Previamente, haberá que acondicionar o terreo coa correspondente nivelación e rasanteo. Finalmente, contémplase a canalización de 8 metros de taxea de formigón de 40 centímetros de diámetro para drenaxe e a sinalización vertical coa colocación dunha sinal de stop.

Pavimentación do camiño de Portanxil a Trasmonte e asfaltado en Lens
Por outra banda, investiranse 39.705 euros na pavimentación do camiño que vai dende O Portanxil ata o lugar de Trasmonte e no asfaltado interior da aldea de Lens. A obra de pavimentación do camiño de Portanxil a Trasmonte realizarase en dous treitos diferentes de 650 por 5 metros e de 155 por 5,50 metros, así como en dous abanicos de 35 por 5 metros e de 15 por 5 metros. Primeiro, haberá que reparar as fochancas existentes e perfilar as mordentes con grava e cun tratamento asfáltico semiprofundo. A través desta obra preténdese mellorar a capa de rodaxe coa aplicación dun tratamento asfáltico superficial e co correspondente rego de selado. Finalmente, contémplase a apertura de gabias e a limpeza das salvagabias para que haxa un correcto drenaxe lonxitudinal e transversal.

Por último, o proxecto de asfaltado no interior da aldea de Lens recolle a execución dos traballos en seis treitos diferentes (230x3; 350x4; 95x3,50; 85x4; 150x3,50 e 200x3,50), así como en 450 metros cadrados de sobreanchos. Con esta obra preténdese mellorar a capa de rodaxe desta vía cun tratamento asfáltico superficial e cun rego de selado. Previamente, haberá que reparar as fochancas existentes e perfilar as mordentes con grava e cun tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, contémplase a apertura de gabias, a limpeza das salvagabias e a execución de 20 metros de caz de formigón cunha reixa para que haxa un correcto drenaxe lonxitudinal e transversal.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames executará obras no CEP de Ventín, Milladoiro, Trasmonte e Lens"
El Correo Gallego: "Ames mejorará los viales interiores que provocaron indignación en Lens"