[22-05-2013] Ante a situación de abandono no que se atopan dúas parcelas situadas na rúa Rueiro de Bertamiráns, que son propiedade dunha empresa construtora, o Concello de Ames executará a súa limpeza de forma subsidiaria. Deste xeito, os custes da limpeza, que están valorados en 304,50 euros e que executará a brigada municipal, deberán ser abonados pola empresa, que non cumpriu as ordes de execución enviadas polo Concello para que procedera á limpeza das fincas.
O pasado mes de febreiro, observado o estado de abandono no que se encontraban as dúas parcelas, incoouse un expediente de orde de execución á empresa Promociones Ames Bertan. Unha vez transcorrido o prazo establecido para realizar alegacións e tendo en conta que, segundo os informes realizados polo departamento de Urbanismo, as parcelas seguían no mesmo estado, en abril resolveuse ditar unha orde de execución por motivos de seguridade, salubridade e ornato público.
O Concello volveulle requirir á empresa a roza e limpeza da maleza das parcelas. Nesta segunda resolución, o Concello de Ames incluía o apercibimento expreso de que no caso de incumprimento de esta orde de limpeza no prazo sinalado, levaríase a cabo a execución subsidiaria por parte do Concello a custe do interesado.
A principios deste mes de maio, o departamento municipal de Obras emitiu un novo informe no que sinala que as parcelas atópanse sen limpar e no mesmo estado que nas anteriores visitas efectuadas. Unha vez feita esta comprobación, ditouse resolución na que se sinala o vindeiro 4 de xuño como data para a execución subsidiaria dos traballos.
Por outra parte, no Milladoiro, e ante numerosas queixas veciñais polo estado no que se atopan uns terreos situados na rúa do Seixo, o Concello de Ames incoou expediente de orde de execución por motivos de seguridade, salubridade e ornato público aos propietarios da parcela. Na comunicación remitida aos propietarios, concédeselles un prazo de 10 días hábiles para que poidan presentar as alegacións e xustificacións que estimen pertinentes. Despois deste trámite de audiencia, ditarase, de ser procedente, orde de execución no que se fixarán os traballos a realizar e o prazo para dar cumprimento ao ordenado.




