Pestanas principais

O Concello de Ames executa a segunda fase das obras de mellora na praza de Correos do Milladoiro

Xoves, 25 de outubro de 2018

[25-10-2018] Está a piques de rematar a segunda fase das obras de mellora na praza coñecida popularmente como “de Correos”, que está situada entre as rúas Agro da Madalena e a avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. O proxecto de mellora deste espazo público, executouse en dúas fases. A primeira levouse a cabo en 2016, mentres a segunda estase desenvolvendo na actualidade. A través deste proxecto estase solucionando o problema de desnivel que tiña esta praza e que provocaba filtración de augas nos edificios lindantes. O presuposto de execución material da segunda fase destes traballos ascende a 42.117,08 euros.

O Concello de Ames está rematando a adecuación da praza de Correos, que está situada entre a rúa Agro da Madalena e a avenida Rosalía de Castro, no Milladoiro. A praza atópase en medio dunha serie de edificios, a través dos cales se conecta aos dous viarios anteriormente mencionados, xa que ningunha rúa a conecta directamente con eles.

A praza na que se está levando a cabo a actuación foi construída de forma que un desnivel a divide en dúas partes. O firme dos dous accesos a dita praza (tanto o que se atopa máis elevado coma o de menor altura) estaban moi deteriorados. Isto causou o deterioro da zona e o seu afundimento impedindo o correcto desvío da auga da chuvia, co perigo de que algunha persoa esvarase cando se acumulan augas pluviais. A través das obras executadas substituíuse o pavimento das dúas entradas de acceso a dita praza.

En primeiro lugar, en 2016 reparouse o firme da entrada que se atopa a menor nivel, mentres que na actualidade estanse executando as obras do acceso que se atopa na parte superior da praza. Ademais, reparouse a parte alta da praza de forma puntual naquelas zonas onde era necesario. A pavimentación do solo realizarase a base de formigón. Na primeira fase das obras investíronse arredor de 50.000 euros, mentres que nesta segunda fase o presuposto de execución material destes traballos ascende a 42.117,08 euros.

Instalación dunha nova rede de pluviais
Ademais da reparación do pavimento, en ambas entradas, procedeuse á instalación dunha nova rede de pluviais, substituíndo a rede de evacuación de augas por unha nova que conecta coa xa existente. Así mesmo instalouse novo mobiliario, tanto bancos como colectores do lixo, na parte baixa da praza e substituíuse o deteriorado da parte nova por moblaxe novo. Tamén se instalaron novos puntos de iluminación en ambas áreas da praza. A área de actuación a través destas obras é de 1.024 metros cadrados.

O concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, destaca que “a través destas obras, executadas en dúas fases, mellorouse esta praza que é utilizada por un gran numero de nenos/as e adultos. Ademais, colocouse unha fonte de auga que era unha demanda dos veciños que frecuentas este lugar para que os rapaces e rapazas poidan beber cando xogan na praza”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames repara el firme de la plaza de Correos de Milladoiro, coloca una fuente y canaliza pluviales"