Pestanas principais

O Concello de Ames executa no mes de outubro obras en parques infantís e vieiros por valor de 160.000 euros

Luns, 13 de outubro de 2014

[13-10-2014] O Concello de Ames iniciou recentemente obras de reparación en tres parques infantís de Bertamiráns, Milladoiro e Ortoño. Trátase duns labores de mellora e acondicionamento do pavimento e substitución dos antigos materiais do chan por caucho. Paralelamente, o consistorio tamén comezou os arranxos nos vieiros próximos a distintos centros educativos e deportivos. Ámbalas dúas actuacións acadan un total de 160.620 euros e están financiadas con cargo ao Plan de obras e Servizos (POS) de 2013 e 2014 e está previsto que finalicen nas vindeiras semanas.

En concreto, as melloras estanse a acometer nos parques infantís situados na praza de Chavián (Bertamiráns), na popular praza de Correos (Milladoiro) e na urbanización Agro do Muíño (Ortoño). Son tres áreas de xogo que contan con grande afluencia de nenos e nenas, xa que se atopan nos puntos máis urbanos destas parroquias. As obras, valoradas en 51.307 euros, inclúen a retirada do pavimento de grava, a limpeza e preparación da soleira de formigón e a colocación de lousas de caucho.

Por outra parte, o concello amiense tamén está a traballar para mellorar os accesos a centros educativos e deportivos. As actuacións inclúen a obra de asfaltado no aparcadoiro do campo de fútbol do Milladoiro e no camiño de entrada a este recinto. Ademais, repararanse as sendas para garantir unha maior seguridade peonil nas inmediacións ao Colexio Alca, no traxecto que vai dende Tras do Río ata o CEIP Agro do Muíño e no tramo comprendido entre Casanova e Raíces. Nestes proxectos investiranse 109.313 euros.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames mejora los accesos peatonales a varios colegios del municipio"