Pestanas principais

O Concello de Ames executa dúas obras de reparación de camiños en Agrón e Covas por valor de 72.545 euros

Luns, 21 de novembro de 2016

[21-11-2016] O Concello de Ames, a través da concellaría de Obras Públicas e Servizos Básicos, executou obras de reparación de dous camiños nas parroquias de Agrón e Covas por valor de 72.545,55 euros. Estas actuación foron sufragadas a través do programa de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que achegou 59.955 euros, e do propio Concello de Ames que puxo 12.590,55 euros.

Nas últimas semanas o Concello de Ames executou un proxecto que incluía a reparación de dous camiños: o camiño da Garea a Calo (Agrón), que conta cunha lonxitude total de 1.780 metros, e mailo camiño de Covas a Casas do Monte que ten unha lonxitude de 1.135 metros. Nestes dous camiños as actuacións que se realizaron consistiron na mellora da capa de rodaxe, previa limpeza de gabias. Ademais, aplicouse un tratamento asfáltico superficial e unha rega de selado en toda a plataforma, previa reparación de fochancas.

No caso do camiño da Garea a Calo actuouse nunha lonxitude de 1.780 metros cunha media de 4 metros de ancho, así como 260 metros cadrados de sobreanchos. Esta obra completouse coa canalización de 15 metros de cano de formigón de 40 centímetros de diámetro, a execución de dúas emborcaduras e a sinalización vertical coa colocación dunha sinal de Stop. No caso do outro camiño, que vai de Covas a Casas do Monte, realizáronse traballos de mellora en dous treitos de 625x3,50 e de 510x3,50 metros, así como en 225 metros cadrados de sobreanchos.

Estas actuación realizáronse co obxectivo de mellorar os accesos ás explotacións agrarias da zona, así como a mellora da seguridade viaria e a circulación de maquinaria e vehículos nestes camiños grazas á mellora da capa de rodaxe. Estas obras enmarcáronse dentro do programa de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016, posto en marcha pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), e financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), ao abeiro do PDR de Galicia 2014-2020.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Llevan a cabo mejoras en caminos de Agrón y Covas por más de 70.000 euros"