[17-07-2014] O Concello de Ames executou esta semana a reparación do colector principal de saneamento da rúa Agrelo, situada na localidade de Bertamiráns. O goberno municipal optou pola execución subsidiaria destas obras de reparación do devandito colector de saneamento, sobre o que o construtor dun edificio realizou obras sen autorización municipal, xerando filtracións de augas fecais no garaxe e malos olores co conseguinte prexuízo para os residentes. Esta reparación foi realizada por unha empresa especializada neste tipo de traballos, que empregou un sistema robotizado para arranxar o devandito colector de saneamento desta rúa. O custo destes traballos foron asumidos polo Concello e repercutirallos ao construtor. As obras foron executadas en canto baixou o nivel das augas do colector.
O Concello de Ames executou, de xeito subsidiario, as obras de reparación do colector principal da rúa Agrelo, que está situada en Bertamiráns. Estes traballos foron realizados mediante un sistema non invasivo. Primeiro, realizouse un lavado con auga a presión do devandito colector. De seguido, a través dun sistema robotizado, procedeuse ao selado de varias acometidas realizadas neste colector de xeito irregular.
Debido ás características especiais desta obra, xa que se trataba dun colector xeral de saneamento soterrado a unha gran profundidade baixo unha beirarrúa, os servizos técnicos de urbanismo indicaron que a mellor opción era realizar a reparación mediante un sistema non invasivo no que un robot introdúcese polo interior da condución de saneamento para selar as acometidas feitas sen autorización neste colector de saneamento. O custo destes traballos foron asumidos polo Concello e repercutirallos ao construtor. As obras foron executadas en canto baixou o nivel das augas do colector.
Cómpre lembrar que esta situación provocou malestar entre os veciños e veciñas. O goberno municipal comprometeuse a buscar unha solución a este problema que non foi provocado polo Concello. Para intentar solucionalo o Concello de Ames interpúxolle unha multa coercitiva ao construtor, que non foi atendida polo que se optou pola vía da execución forzosa. O Concello deulle traslado desta decisión tanto á comunidade de propietarios do inmoble como ao construtor. Deste xeito, o goberno amiense cumpriu con todos os trámites administrativos e legais que estaban na súa man para solucionar o problema rexistrado no edificio situado na rúa Agrelo de Bertamiráns.
O Concello atendeu a petición dos veciños/as realizando un estudo pormenorizado da situación, pola que se incoou un expediente de reposición da legalidade e se remitiu requirimento de multa coercitiva ao construtor. Ademais, o goberno amiense encargou á empresa concesionaria do servizo de saneamento e abastecemento a realización dunha inspección da canalización, a través da introdución dunha cámara na arqueta. Este estudo demostrou a existencia de conexións co colector principal que se levaron a cabo sen o correspondente permiso.
Finalmente, o goberno municipal, tal e como se comprometeu cos veciños desta rúa, encargouse de executar a reparación deste colector. Deste xeito, esta mesma semana levouse a cabo o selado do colector principal de saneamento desta rúa.




