[22-06-2011] O Concello de Ames asinou en setembro de 1998 un contrato administrativo para a xestión, en réxime de concesión administrativa, do servizo de explotación e mantemento das redes municipais de abastecemento de auga potable. Agora contémplase a posibilidade de realizar unha nova licitación do subministro e abastecemento de auga, por se esta redundara en condicións máis vantaxosas para as arcas e os servizos municipais. O contrato de abastecemento de auga está próximo a vencer, polo que o rexedor amiense, Santiago Amor, solicitou mediante unha providencia de alcaldía que os servizos de intervención do concello realizasen un informe sobre a situación da adxudicación deste servizo, coa finalidade de dar instrucións para a súa mellora e para revisar tódolos procedementos e funcións da empresa adxudicataria.
Unha das cuestións que se van estudar será incluír dentro desta contratación outros servizos a maiores como pode ser o saneamento. Cunha duración de 15 anos, o contrato de augas é un dos que ten maior importancia dende o punto de vista económico no concello de Ames. Agora ábrese a posibilidade de prorrogar este contrato coa mesma empresa que o tiña adxudicado ata o de agora durante outros 15 anos ou contemplar outras opcións.
Con esta providencia, Amor adiántase a unha situación que implica a mellora e ampliación do servizo, así coma unha mellora económica para o concello. O alcalde quere levar a cabo unha planificación responsable para "non vernos obrigados a prorrogar un servizo que podería ter melloras cuantiosas", explica Santiago Amor.
A través da providencia constitúese unha comisión de estudo do servizo de auga e saneamento e detállase que se levarán a cabo a análise pormenorizada do servizo, así coma o exame dos contratos existentes en concellos similares ao de Ames coa finalidade de determinar cal é a decisión a adoptar neste momento: prorrogar o contrato actual ou ben licitalo de novo nas circunstancias máis axeitadas ó mercado e ás necesidades actuais do concello.
A comisión reunirase cos departamentos de secretaría, intervención, contratación, obras e urbanismo para estudar os principais aspectos que afecten ás súas competencias.
Importancia da área medio ambiental
A importancia da área medio ambiental en Ames é capital para o actual goberno municipal. Por iso outra das cuestións a tratar proximamente será a ampliación da depuradora de Sisalde que xa foi obxecto dunha moción por parte do Partido Popular amiense estando este na oposición. Nesta moción os populares solicitaban unha actuación para solucionar o problema medio ambiental que supón o vertido do 50% dos residuos sen depurar ao río Sar, e nunha zona da Rede Natura.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El alcalde de Ames quiere adelantar la licitación del abastecimiento de agua"
El Correo Gallego: "Una comisión estudiará un contrato común traída-saneamiento en Ames"




