Pestanas principais

O Concello de Ames estrea o Entroido Lúdico coa inscrición de case 50 rapaces e rapazas

Venres, 05 de febreiro de 2016

[05-02-2016] O departamento de Educación vén de publicar a listaxe definitiva dos rapaces e rapazas admitidos/as no servizo de Entroido Lúdico, a última incorporación aos programas de conciliación que ofrece o Concello de Ames durante as datas de festivos escolares. Nesta primeira edición do programa van participar case 50 nenos e nenas durante os días 8, 9 e 10 de febreiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a lista completa de nomes dos usuarios e usuarias seleccionados.

En Bertamiráns participarán 26 nenos e nenas, dos cales 9 solicitaron o servizo Bos días e 12 o servizo de comedor. Pola súa banda, no Milladoiro hai 20 participantes, dos cales 4 farán uso do servizo Bos días e 7 do servizo de comedor. Estes dous servizos ofértanse dentro do programa de conciliación, de forma que os nenos e nenas que solicitan o Bos días serán atendidos xa a partir das 7:30 da mañá, e aqueles e aquelas que precisen do servizo de comedor poderán quedar ata as 16:00 horas.

Todos os usuarios e usuarias anotados no Milladoiro quedarán na Escola Infantil desta localidade, mentres que en Bertamiráns empregaranse as instalacións do CEIP da Maía. Os días ofertados coinciden cun festivo local e co período de vacacións de Entroido dos centros escolares.

O concelleiro de Educación, David Santomil, móstrase satisfeito ante a acollida que tivo o Entroido Lúdico na súa primeira edición e lembra que de aquí a pouco tempo “abrirase o prazo de inscrición para o servizo da Primavera Lúdica, que coincide coas vacacións da Semana Santa. O programa do Entroido Lúdico únese así aos programas de conciliación ofertados de forma regular polo Concello e dirixidos aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria”.

“Ames segue sendo unha referencia na impartición de programas de conciliación da vida familiar e laboral como o demostra a creación deste novo servizo que ata o de agora nunca se desenvolveu durante as vacacións escolares de Entroido”, remata dicindo Santomil.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"El plan municipal de conciliación de este mes tendrá 50 usuarios"
El Correo Gallego:"El programa festivo de conciliación acogerá a un total de cincuenta niños"