[24-07-2015] O Concello de Ames estrea hoxe o dominio .GAL coincidindo coa celebración do Día de Galicia. Deste xeito, tamén se pode acceder ao sitio web do Concello de Ames a través do enderezo www.concellodeames.gal. A concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, realizou a presentación do novo dominio galego de Ames no acto institucional que realizou o Concello no Pazo da Peregrina para conmemorar o Día de Galicia. O sitio web do concello de Ames seguirá ofrecendo os mesmos servizos pero no dominio .GAL
“Adoita dicirse que o que non está en Internet non existe. Peor aínda, o que non está ben posicionado en Internet é como se non existise. A nosa lingua e a nosa cultura, os contidos que xeramos en Internet os galegos e galegas, o que inclúe, non o esquezamos, a todos cantos viven na diáspora, precisan dunha marca propia coa que identificarse e distinguirse neste ámbito de comunicación global”, así comezou a súa intervención a concelleira de Comunicación no acto de presentación do novo dominio .GAL.
A edil Isabel Vaquero, continuou dicindo que “como acción simbólica para celebrarmos hoxe o Día Nacional de Galicia, quixemos estrear o novo dominio concellodeames.gal que presentamos este xoves pola tarde no Pazo da Peregrina. Así mesmo temos xa reservado o dominio ames.gal, para conseguir un mellor posicionamento na rede. Dende xa vós e o mundo enteiro pode navegar polas nosas páxinas web non só co xa coñecido concellodeames.org senón tamén co .gal que nos identifica inequivocamente como un concello galego”.
Dende o Concello de Ames convídase a asociacións, empresas, entidades e veciños a título individual a que tamén utilicen o .gal nos seus sitios web para distinguirnos no espazo de comunicación global. O Concello de Ames non podía ficar á marxe deste traballo colectivo para situármonos con marca propia no ciberespazo, traballo do que fan parte, entre outros, numerosas institucións como a Xunta de Galicia, o Parlamento e unha boa parte dos concellos do país que xa asumiron este sufixo de noso no espazo Internet.
Dominios de tipo cultural e lingüístico
Este dominio é xestionado pola Asociación Puntogal e os ingresos económicos que se producen pola actividade do dominio serven para o mantemento do propio dominio e no caso de producírense beneficios estes serán investidos no fomento da lingua e cultura galega dentro do ámbito das novas tecnoloxías.
Desde 2005 a ICANN abriu a posibilidade de recoñecer dominios de tipo cultural e lingüístico. A ICANN é o organismo técnico internacional que preserva a estabilidade das operacións da Rede de xeito que a cada sitio de Internet lle corresponda un nome unívoco. A ICANN, polo tanto, é o organismo ao que foi necesario convencer de que Galicia é unha comunidade con suficientes vencellos culturais e lingüísticos como para optar a un dominio propio.
A proposta non só debía ser tecnicamente viable senón tamén económica, social, lingüística e culturalmente rendible, para o cal houbo que conseguir a suma de todas as vontades da sociedade civil e institucional. Asociacións culturais, fundacións, empresas, entidades deportivas e persoas a nivel individual sumáronse cunha única voz a un proxecto avalado sen fisuras polas institucións, comezando pola Xunta de Galicia, á marxe dos cambios políticos que se produciron.
“Desde 2014, logo de sete anos de traballo arreo da asociación PuntoGal, á que me gustaría dende aquí agradecerllo, contamos un dominio propio para a nosa lingua e cultura. E desde fai agora un ano, é posible reservalo e usalo nas nosas páxinas web”, engadiu Isabel Vaquero.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames adelantó el acto oficial del Día de Galicia y hoy estrena el dominio .gal"