Pestanas principais

O Concello de Ames estrea nova sede electrónica

Sábado, 02 de marzo de 2019

[02-03-2019] A Deputación de A Coruña vén de poñer en marcha a nova sede electrónica para o Concello de Ames. O enderezo é o mesmo, https://sede.concellodeames.gal/opencms/gl/. A nova sede solventa moitos inconvenientes de funcionamento da anterior plataforma, ten nova apariencia, novas funcionalidades e gáñase en robustez e en independencia tecnolóxica. A anterior estaba moi obsoleta e xeraba moitos problemas para presentar documentación a través do seu Rexistro.

A sede electrónica é unha prolongación da oficina administrativa tradicional, dispoñible para que a cidadanía poida realizar os seus trámites as 24 horas dos 365 días do ano. A sede electrónica garante en todo momento a identidade, integridade e autenticidade do cidadán a través dos Certificados electrónicos. Ademais, dispón dun rexistro que acredita e certifica estas transaccións, o Rexistro telemático.

Tendo en conta que o artigo 14.2 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas establece quen son os obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos coas Administracións Públicas, resulta conveniente promover a utilización dos medios electrónicos polas entidades que se relacionan co Concello (empresas, asociacións, comunidades de propietarios, etc.), así como a veciñanza en xeral.

Deste xeito, a Deputación de A Coruña vén de poñer en marcha a nova sede electrónica para o Concello de Ames. O enderezo é o mesmo, https://sede.concellodeames.gal/opencms/gl/. Con esta nova sede espérase dar solución aos problemas que ata o de agora existían na presentación de diferentes solicitudes.

O alcalde de Ames, José Miñones, indica que “avanzar na relación electrónica coa veciñanza é unha prioridade deste goberno e de aí que sigamos a implementar melloras no proceso. Nuns meses Ames estreará unha nova plataforma de Administración electrónica co firme propósito de mellorar tanto interna, como externamente, as xestións dos expedientes, ampliando o número de procedementos para a cidadanía, como a reserva de instalacións ou o seguimento de expedientes, entre outros moitos”.

Procedementos e trámites
Para navegar pola sede electrónica hai un menú no que hai varias opción como son Inicio; Sobre a sede; Información; Calendario oficial; e procedementos e trámites. Dentro do apartado de procedementos e trámites hai 5 opcións. Un deles é Circulación e vía pública (solicitude de autorización para a ocupación temporal da vía pública; comunicación previa para a colocación de rótulos e carteis; licenza de vaos; solicitude de licenza de instalación de terrazas; e solicitude de tarxetas de estacionamento e accesibilidade para persoas con mobilidade reducida).

As outras catro opcións de procedementos e trámites son: padrón de habitantes (certificado de empadroamento), recursos e reclamacións (reclamacións, queixas e suxestións); solicitude xeral, e urbanismo (certificado urbanístico, comunicación previa de cambio de actividade, comunicación previa de inicio ou modificación de actividade, comunicación previa de obra, comunicación previa de obra de adecuación de local para actividade, licenza de primeira ocupación de edificios, prórroga de licenzas de obras, restaurar a legalidade urbanística, e diversos tramites de solicitude de licenzas, así como solicitude de comprobación previa ao inicio da actividade, e solicitude de información urbanística). Ademais, dentro do apartado de procedementos e trámites inclúese un buscador para que o cidadán poida facer a busca do procedemento e/ou trámite que máis lle conveña.

Outros servizos que se ofrecen son: Perfil do contratante; Punto xeral de entrada de facturas electrónica; Sistema de notificación electrónica; Caixa de suxestións, queixas ou reclamacións; Taboleiro de anuncios; Verificacións de documentos e Rexistro electrónico común.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello de Ames estrena sede electrónica para solventar problemas de la anterior"