Pestanas principais

O Concello de Ames estima que a Feira do Comercio Val da Maía alcanzou un volume de vendas de 150.000 euros, duplicando a facturación da edición anterior

Martes, 13 de marzo de 2012

[13-03-2012] A Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo deu a coñecer esta mañá o balance económico e de participación na Feira do Comercio Val da Maía celebrada a pasada fin de semana. Segundo os datos recabados por este departamento municipal, superáronse todas as previsión e os obxectivos foron cumpridos cunha valoración moi satisfactoria. Na súa estimación, o Concello de Ames cifra en 18.000 persoas o número de visitantes á Feira do Comercio nas súas tres xornadas de apertura ao público, mentres que o volume de ventas alcanzou os 150.000 euros, duplicando a facturación da edición anterior.

Como datos significativos da boa resposta do público que asistiu á Feira do Comercio, basta sinalar que un dos comerciantes calculou que só na primeira hora e media de apertura ao público, tras a inauguración o venres 9, xa tiña superado as vendas contabilizadas no global das dúas xornadas que durou o evento en 2011. Do mesmo xeito, algún dos participantes tivo que repoñer mercancía o sábado pola noite tras esgotar todas as súas existencias.

Como novidade, a Feira do Comercio prolongou este ano a súa duración a tres xornadas e por primeira vez foi organizada de forma conxunta pola Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e a Asociación de Empresarios do Milladoiro, coa colaboración do Concello de Ames. A Feira do Comercio contou coa participación de arredor de trinta establecementos locais que ofreceron unha ampla variedade de produtos aos mellores prezos, abarcando todo tipo de sectores: téxtil, calzado, electrónica, óptica, roupa, artesanía, fogar, regalos, chemineas e instrumentos musicais.

En total, ocupáronse máis de 400 metros cadrados para os expositores. Tamén como novidade, participaron 8 artesáns, que realizaron demostracións en directo e unha tenda de instrumentos musicais. Ademais de realizar as súas compras, as persoas que asistiron á VIII Feira do Comercio Val da Maía puideron gozar dunha completa oferta lúdica e gastronómica. No interior do recinto instalouse un servizo de gardería, atendido por persoal cualificado, e inchables como atracción lúdica para os máis pequenos baixo a supervisión de monitores. No eido gastronómico, a oferta incluíu varios postos de churros e rosquillas. Houbo tamén servizo de cafetería, incluíndo un posto de venda de polbo.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La feria del comercio de Bertamiráns superó los 150.000 euros en ventas"