[01-05-2012] A colaboración entre o Concello de Ames e as clínicas veterinarias do municipio permitirá poñer en marcha durante o mes de maio unha nova fase da iniciativa que ten como obxecto sensibilizar os propietarios de cans sobre a importancia de ter identificados os seus animais. Tras o éxito da campaña levada a cabo no mes de marzo nos núcleos urbanos do municipio, no marco da que se implantaron un total de 195 microchips no mes de maio, esta iniciativa diríxese agora aos propietarios de cans que residan nas zonas do rural amiense.
Deste xeito, a partir do próximo mércores, día 2 de maio, os seis establecementos que colaboran na iniciativa (Saudevet, Mundo Vivo, Zoolandia, Hospican, Clínica Veterinaria Novo Milladoiro e A Media Lúa) ofreceranlles ás persoas interesadas o desprazamento gratuíto dos veterinarios ata os seus fogares para a implantación do microchip nas mascotas. A colocación do dispositivo cobrarase ao prezo habitual das clínicas. O Concello de Ames lembra que, segundo a lexislación vixente, a implantación do microchip nas mascotas é obrigatoria e non voluntaria, e que o incumprimento desta norma pode implicar unha sanción económica.
Como no mes de marzo, a Policía Local realizará un control dos cans das zonas rurais, comprobando cun lector de microchip que as mascotas están correctamente identificadas. Neste control, lembraráselles aos propietarios a súa responsabilidade na identificación dos cans e advertiráselles da posible sanción económica que implica o incumprimento.
Seguridade viaria e saúde pública
A Concellaría de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade do Concello de Ames enmarca esta campaña de educación, que agora chegará ás diferentes parroquias amienses, no obxectivo de erradicar os problemas de seguridade viaria e de saúde pública que causan os cans abandonados, ademais de atallar o elevado custo económico que a súa recollida e depósito supón para o Concello de Ames.
Deste xeito, a concellaría salienta que os cans abandonados, moitos deles sen identificación, son potenciais causantes de accidentes de tráfico, transmisores de enfermidades e, incluso, poden comportarse de maneira agresiva se se ven ameazados. No aspecto económico, o Concello de Ames cifra nuns 51.400 euros o custo anual que supón para o municipio o abandono de cans. Este importe resulta do aboamento de 48.000 euros ao Refuxio de Bando como cota fixa en función do número de habitantes do municipio (1,6 euros x 30.000 habitantes) ao que hai que sumar o pagamento dunha cantidade variable en función dos cans recollidos (34 euros x 100 animais).
Desde a Concellaría de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade procúrase unha relación frutífera co colectivo de veterinarios de Ames, co que se está a avanzar no borrador dunha nova ordenanza que contempla ampliar o actual rexistro de cans potencialmente perigosos a unha nova base de datos que permita ter tamén identificados o maior número posible de animais domésticos do municipio.
Campaña de marzo
Esta segunda fase da campaña de sensibilización vén motivada polo éxito na iniciativa levada a cabo no pasado mes de marzo, dirixida ás zonas urbanas de Ames. No marco dese programa, no que se lle facía aos propietarios das mascotas un desconto do 10% no prezo da colocación do dispositivo, implantáronse 195 microchips, cando nun mes normal se adoitan colocar unha media de 66. Polo tanto, a colaboración entre o Concello de Ames e as clínicas veterinarias permitiu triplicar a identificación de mascotas.
As clínicas veterinarias tamén manifestaron que no mes de marzo se produciu un forte incremento na solicitude de información sobre a implantación de microchips. A veciñanza acudiu ás clínicas veterinarias para solicitar información porque en moitos casos descoñecían que era obrigatorio que todos os cans leven un microchip de identificación.
Ademais, a Policía Local realizou un control dos cans do municipio, comprobando cun lector de microchip que as mascotas estaban correctamente identificadas. Durante o mes de marzo realizóuselles o control a un total de 48 cans. Algúns dos propietarios descoñecían que era obrigatorio a identificación das súas mascotas polo que acudiron a unha das clínicas veterinaria para implantarlle o microchip. Neste control lembróuselles aos propietarios a súa responsabilidade na identificación dos cans e advertíuselles da posible sanción económica que implica o incumprimento. Os axentes da Policía local informaron e non sancionaron, aínda que todas as persoas que non teñen identificados os seus cans deberán facelo.




