Pestanas principais

O Concello de Ames establece un convenio coa USC para estudar de forma conxunta os hábitos de consumo de alcol da mocidade amesá

Venres, 04 de decembro de 2015

[04-12-2015] Esta mañá tivo lugar, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro unha rolda de prensa para presentar o proxecto de colaboración que o Concello de Ames vén de establecer co departamento de Psicoloxía do Consumidor da Universidade de Santiago de Compostela. Na presentación interviñeron Luísa Feijóo, concelleira de Sanidade e Servizos Sociais de Ames, Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social pola USC e director do citado departamento, Sandra Golpe, membro do equipo da USC e a psicóloga municipal. O estudo “Modelización do consumo abusivo de alcol en adolescentes: variables preditorias, comorbilidad, perfís e validación dun programa de prevención” está financiado na súa totalidade polo Ministerio de Sanidade no marco do Plan Nacional de Drogas.

O consumo abusivo alcol é, a día de hoxe e tanto a nivel galego como a nivel estatal, o principal problema que pon en risco a saúde de mozos e mozas, moitas veces asociado ao consumo doutras substancias ou, incluso, ao emprego excesivo da telefonía móbil e as redes sociais. Como indicou a concelleira de Sanidade ''a prevención non é negociable'', que engadiu na rolda de prensa que ''a escaseza de recursos do Concello non será empregada como escusa para deixar esforzarse en mellorar os programas de prevención''. Ames é, ademais, un dos concellos de Galicia que conta coa maior porcentaxe de mozos e mozas na súa poboación.

O equipo de Antonio Rial xa presentara no ano 2014 un informe sobre o consumo de alcol na mocidade a nivel galego. Esta nova fase da investigación busca, en palabras de Rial, ''modelizar estes hábitos de consumo'' . O doutor en Psicoloxía de Consumo explica que o seu equipo achegarase aos centros ''durante a segunda quincena do mes de xaneiro'' a “recoller información dos alumnos, facer unha análise- a posteriori e durante os meses de febreiro e marzo- , poñelos a disposición dos técnicos municipais e dos orientadores dos centros'' co obxectivo de ''propoñer solucións e avalialas pasado un ano''. As psicólogas que, como Sandra Golpe, se achegarán aos centros, traballarán con grupos reducidos de alumnos. En total participarán no estudo os case mil alumnos que cursan os estudos de secundaria e bacharelato nos IES de Bertamiráns e do Milladoiro.

Búscase, a través do traballo cos alumnos, de chegar ''aos porqués, ás variables'' e indagar no ''consumo do fogar, nas crenzas que arrodean o consumo, na influencia dos niveles de autoestima ou da presión grupal, así como o do uso problemático das novas tecnoloxías e a súa asociación ao consumo a niveles de risco doutras drogas. A colaboración das familias é, como subliñan Luísa Feijóo e Antonio Rial, indispensable para o éxito deste tipo de iniciativas.

O Concello traballará cos orientadores dos dous centros de secundaria de Ames para, como explicaba Luísa Feijóo, deseñar plans baseados nos resultados das investigacións que axuden a concienciar aos mozos e mozas amesáns acerca dos riscos que comporta o consumo abusivo e precoz de alcol para a saúde. A concelleira engadiu un das medidas que porá en marcha o Concello será a promoción de actividades de ocio responsables.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "La USC incluirá un plan de prevención en su estudio amiense sobre alcoholismo "
La Voz de Galicia: "La USC analizará el consumo de alcohol del alumnado de los dos institutos de Ames"