[02-12-2014] O Concello de Ames está a substituír os emisores rurais de televisión analóxica, de pequena potencia, por outros adaptados á tecnoloxía dixital. Os novos equipos permitirán ampliar e mellorar a cobertura do sinal de televisión en todo o termo municipal. Estas actuacións son froito dun convenio asinado hai uns meses coa Secretaría Xeral de Medios.
Actualmente existen un total de cinco reemisores dixitais que están situados nos lugares de Eirapedriña, Seares de Arriba, Leboráns, Agrón e no monte de Mar de Ovellas, este último en Castiñeiro do Lobo. Tanto en Agrón coma no Mar de Ovellas, a empresa GST Telecomunicaciones xa iniciou as modificacións das frecuencias para adaptalos ao novo dividendo dixital. Unha vez realizada esta adaptación, a veciñanza deberá resintonizar as súas televisións para poder ver correctamente todas as canles, que cambian a súa frecuencia de emisión.
O seguinte paso será actualizar o reemisor que está instalado en Eirapedriña, pero antes vaise modernizar o de Tapia, en Seárez de Arriba. Os beneficiarios desta actuación serán uns 250 veciños residentes nas parroquias de Tapia e Piñeiro. Poderán comprobar a súa cobertura a través da páxina web www.tdtgalicia.es ou chamando ao teléfono 981 57 21 54.
A Secretaría Xeral de Medios colocará as antenas e instalará os equipos emisores de TDT. Será esta quen asuma o mantemento dos equipos de telecomunicacións instalados mentres que o Concello encargarase da conservación da infraestrutura na que están colocados os devanditos equipos.




