[14-10-2011] O Concello de Ames comezou a repintar os pasos de peóns de varias rúas do Milladoiro e continuará, nos vindeiros días, co repintado tamén en rúas de Bertamiráns. As rúas afectadas no Milladoiro son 14 e en Bertamiráns 15. As marcas viarias coma os pasos de peóns son claves para garantir a seguridade da cidadanía que circulan a pé ou nos seus vehículos. Nos últimos meses, o Concello detectou unha notable deterioración do estado dos pasos de peóns nas dúas principais zonas urbanas do municipio, O Milladoiro e Bertamiráns, e, por este motivo, a Concellaría de Vías, Obras, Parques e Xardíns tomou a iniciativa de repintar estas marcas de xeito urxente.
Os traballos executarante nas rúas Ameneiral, Fieira, Fontaldeiro, J.L.Azcárraga, Lodeiro, Pesqueiras, Pedregal, Travesía Pedregal, Poeta da Maía, O Bosque, rPaxaró, Cómaro, Fragua, Entrerríos e na avda. da Peregrina, en Bertamiráns. No Milladoiro ás rúas nas que se realizará o repintado dos pasos de peón serán: Agro da Madalena, Agro do Medio, Castelao, Cereixos, Cruxa, Figueiras, O Francés, Moa, Panasqueira, Seidón, Xeixo, Pardiñeiros, Raxoeira e Xaquín Lorenzo. Utilizarase pintura acrílica e microesferas de vidro nos pasos de peóns con banda de parada . Os traballos comezoaron o pasado martes, día 11 de outubro, e prevese que duren unha semana.
O Concelleiro de Vías, Obras, Parques e Xardíns, Alfredo Taboada, explicou que "esta actuación é unha primeira medida de urxencia para acondicionar a sinalización horizontal, que dará paso a máis medidas desta índole para acondicionar toda a sinalización do Concello, non soamente nos núcleos urbanos".




