[09-05-2015] O Concello de Ames iniciou esta semana as obras de mellora do tramo paralelo ao campo de fútbol de Bertamiráns, cara ao lugar de Castrigo. Este vieiro tamén dá acceso ao pavillón municipal e enlaza coa Avenida da Peregrina.
Os operarios da empresa Martínez Montes e Hijos comezaron coa reparación do firme aplicando unha capa de aglomerado nun tramo de 280 metros de longo e sete de ancho. Nos próximos días realizarase a sinalización horizontal. A finalidade desta actuación, que está incluída no Plan provincial “DTC 93”, é mellorar a seguridade viaria tanto de peóns coma de vehículos.
Local social de Trasmonte
Por outra parte, o Concello de Ames tamén iniciou recentemente as obras de remodelación do patio traseiro do local social de Trasmonte. Son uns traballos moi demandados polos veciños que consisten na escavación de 34 metros cadrados e a construción dunha superficie de formigón. Ademais, realizaranse obras para canalizar as augas pluviais e colocarase unha lona. O orzamento é de 4.300 euros.




