[03-05-2016] O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais, está renovando as tarxetas de aparcamento para persoas con diversidade funcional co fin de mellorar a calidade das tarxetas de estacionamento, unificalas e facilitar a comprobación das mesmas. As tarxetas iranse renovando por anos, aínda que os usuarios pódense achegar ás dependencias de Servizos Sociais, tanto do Milladoiro como de Bertamiráns, para asinar o documento de cesión de datos e así proceder a renovación da súas tarxeta de xeito máis rápido e áxil.
O pasado 12 de abril entrou en vigor a nova ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade do Concello de Ames, que ten por obxecto regular a nivel municipal a expedición das tarxetas de estacionamento de vehículos e das tarxetas de persoas usuarias previstas nos artigos 32 e seguintes da Lei 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade, co fin de favorecer a aquelas persoas con mobilidade reducida ou que teñan recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao de limitacións na actividade igual ou superior ao 75%. Ademais, regulan o uso de transportes privados de cara a facilitar o seu estacionamento, no caso das persoas titulares da tarxeta de estacionamento, e o uso de transportes públicos, no caso de tarxetas de persoas usuarias.
Unha vez entrou en vigor dita ordenanza municipal, dende o departamento municipal de Servizos Sociais, comezouse a renovar as tarxetas de aparcamento para persoas con diversidade funcional co fin de mellorar a calidade das tarxetas de estacionamento, unificalas e facilitar a comprobación das mesmas. As tarxetas iranse renovando por anos, aínda que os usuarios pódense achegar ás dependencias de Servizos Sociais, tanto do Milladoiro como de Bertamiráns, para asinar o documento de cesión de datos e así proceder a renovación da súas tarxeta de xeito máis rápido e áxil.
As novas tarxetas estarán impresas en vinilo montado a dúas caras sobre polipropileno flexible branco de 0,5 mm e laminado mate o que lle confire unha maior durabilidade e permitirá unha mellor identificación do usuario pra evitar o uso indebido da mesma. Dende o Concello de Ames lémbrase que nos casos de cualificación da discapacidade con carácter permanente, as tarxetas terán unha duración de 10 anos dende a súa concesión, mentres que nos casos de cualificación da discapacidade con carácter temporal, as tarxetas caducarán cando finalice o prazo que indique o certificado de discapacidade.
A renovación, unha vez caducadas as tarxetas seguirá o mesmo procedemento que o da súa tramitación. As persoas titulares da tarxeta de estacionamento de vehículos beneficiaranse das seguintes facilidades en materia de circulación, parada e estacionamento: utilización das prazas de aparcadoiro reservadas para tal efecto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia; ampliación do límite de tempo cando este estivera establecido para o estacionamento de vehículos de persoas con mobilidade reducida; autorización para que os vehículos ocupados por ditas persoas poidan deterse na vía pública durante o tempo imprescindible, e sempre que non entorpezan a circulación rodada ou peonil.
Obrigas dos titulares da tarxeta
As persoas titulares da tarxeta teñen unha serie de obrigas. Deste xeito, deberán de comunicarlle ao Concello, no prazo de 15 días, calquera variación das circunstancias que motivaron a súa concesión, a contar desde o coñecemento da variación das circunstancias alegadas. Ademais, no caso de perda, roubo ou destrución, a persoa titular da tarxeta deberá comunicalo na maior brevidade posible ao Concello, non podendo facer uso dos dereitos recoñecidos ata a expedición dunha nova tarxeta.
Por outra banda, a persoa titular da tarxeta está obrigada a identificarse cando así o requira un axente da autoridade, acreditando a súa identidade co Documento Nacional de Identidade, tarxeta de residencia ou calquera outro documento oficial identificativo. Os menores de 14 anos poderán acreditar a súa identidade mediante a exhibición do certificado de discapacidade.
As persoas que posúan estar tarxetas, expedidas polo ente municipal, tamén deben saber que son de carácter persoal e intransferible. Ademais, as tarxetas de estacionamento de vehículos cuxo titular sexa unha persoa física só poderán utilizarse cando a persoa titular viaxe no vehículo de que se trate, sexa ou non da súa propiedade, ben como condutor/a ou como ocupante, mentres que as que o titular sexa unha persoa xurídica só poderán utilizarse nos vehículos para os que foi concedida, e sempre que nese momento se atopen prestando o servizo de transporte de persoas con mobilidade reducida.
Por último, tarxeta de estacionamento de vehículos colocarase no salpicadero do vehículo e adherida ao parabrisas dianteiro polo interior, sempre co documento orixinal, de forma que resulte claramente visible e lexible dende o exterior.
O incumprimento das obrigas previstas na presente ordenanza poderá dar lugar á cancelación da tarxeta de estacionamento ou a súa retirada temporal, sen prexuízo das sancións previstas no ordenamento xurídico. En todo caso no suposto de que se detecte o uso indebido das tarxetas de maneira reiterada e debidamente probada, darase traslado da oportuna denuncia á Comisión Técnica de Accesibilidade, segundo o disposto no artigo 70 da Lei 10/2014, do 3 de decembro de accesibilidade.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Renuevan las tarjetas para el párquin a los amienses con diversidad funcional"




