[19-06-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, está acondicionando e reformando a pista polideportiva de tenis e baloncesto que está situada na área deportiva do Milladoiro, ao lado da Casa da Cultura desta localidade. Esta semana comezaron os traballos previos como foron a colocación de vallas arredor da pista, así como a toma de catas e de niveis. Nos vindeiro días comezarase coa execución dos traballos de reposición do pavimento da devandita pista. Os traballos de actuación comprende unha superficie total de 995,50 metros cadrados. Esta obra conta cun presuposto de 33.390 euros.
Esta semana comezouse a executar o proxecto de acondicionamento e reparación da pista polideportiva que está situada na área deportiva do Milladoiro. Esta actuación é necesaria porque o pavimento que ten na actualidade esta pista deportiva é de formigón poroso e perdeu a súa capacidade drenante debido ao selado dos poros por causa da acumulación de po e de sucidade. Esta pista posúe liñas de marcaxe de baloncesto e tenis, e conta cun equipamento de dúas canastras fixas e ancoraxes encaixadas no chan para instalar postes de tenis cunha rede.
Esta semana comezaron os traballos previos como foron a colocación de vallas arredor da pista, así como a toma de catas e de niveis. Nos vindeiros días comezarán os traballos de reparación que consistirán principalmente na construción dun novo pavimento ríxido no que se empregará o formigón puído. A cor do pavimento deportivo será claro, estable á acción da luz, uniforme, sen brillo e de fácil mantemento. Previamente, haberá que desmontar o equipamento de baloncesto (dúas canastras) situado na pista e un farol da iluminación pública, que está situado nunha beirarrúa da Travesía do Porto e que está próximo ao punto de acometida da rede de pluviais.
A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, explicou que “tratase dunha actuación moi necesaria para O Milladoiro xa que esta pista polideportiva ten un gran uso por parte da veciñanza desta localidade. Os traballos de reparación consistirán fundamentalmente na execución dun novo pavimento xa que o actual presenta un estado moi deficiente”. Eugenia Martín tamén incidiu en que “a través desta actuación dotarase á localidade do Milladoiro dunha pista de tenis en boas condicións, para que todas as persoas que o desexen poidan practicar este deporte nesta instalación municipal. Dende a concellaría de Deportes estase fomentando a practica deste deporte”.
Características da obra
Este pavimento instalarase encima do pavimento existente, previa limpeza do mesmo con auga a presión e tratamento herbicida para a eliminación de herbas. Nos laterais da pista disporanse canaletas de desaugadoiro para a recollida de augas de choiva ou rega. Esta canaletas de recollida de pluviais conectaranse á rede existente mediante un sistema de arquetas, rexistrables, e tubaxes de PVC. Unha vez rematada a obra haberá que instalar o material previamente desmontado. Os traballos de actuación comprende unha superficie total de 995,50 metros cadrados. Esta obra conta cun presuposto de 33.390 euros.
No momento da execución dos traballos terase especial coidado no replanteo e colocación das ancoraxes para a fixación das redes de tenis e das canastras, tendo en conta a cota de terminación do novo pavimento e a regulamentación deportiva vixente. As ancoraxes do equipamento deportivo estarán encaixados sen sobresaír do pavimento e as súas tapas estarán enrasadas co mesmo e cun peche inmóbil ante as accións do xogo. Os elementos metálicos do equipamento deportivo serán inoxidables ou estarán protexidos da corrosión. Ademais, executaranse as marcaxes das diferentes pistas con pintura acrílica especial para pavimentos deportivos e en diferentes cores.
Na execución desta obra terase en conta o recollido na Normativa sobre instalacións deportivas e para o esparexemento (N.I.D.E.) elaborada polo Consello Superior de Deportes, que teñen como obxectivo definir as condicións regulamentarias, de planificación e de deseño, que deben considerarse na construción das instalacións deportivas.




