Pestanas principais

O Concello de Ames está realizando traballos de limpeza en beirarrúas e vías da zona rural

Sábado, 24 de xuño de 2017

[24-06-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras Públicas, está realizando traballos de mantemento e limpeza das beirarrúas e das vías interiores da zona rural amesá. Estes traballos estanse realizando principalmente nas parroquias do rural e nos arredores de Bertamiráns e do Milladoiro. Para desenvolver estes traballos contratouse un equipo de xardinería composto de dous operarios, que traballan a xornada completa durante catro meses. Ademais, dous tractores están realizando tarefas de desbroce nas beiras das pistas forestais e das estradas asfaltadas do municipio.

Esta semana o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, unha técnica do departamento de Obras e mailo encargado da brigada municipal de obras, estiveron na parroquia de Ames para comprobar o estado dos traballos que realizaron os dous peóns que están limpando as beirarrúas e as vías interiores desta parroquia amesá.

Para realizar estes traballos de mantemento e limpeza o goberno municipal contratou os servizos dunha empresa, que puxo a disposición do Concello un equipo de xardinería composto de dous operarios a xornada completa, que realizan 40 horas semanais, durante 4 meses. Estes traballadores están equipados cun vehículo, para recoller os restos de vexetación e maleza que limpan, desbrozadoras manuais, e ferramenta necesaria para o correcto desenvolvemento dos traballos que están realizando. Esta actuación ten un custo para o Concello de 18.000 euros sen IVE.

Estes operarios comezaron a traballar o 15 de xuño. Durante estes días xa estiveron realizando traballos de limpeza na parroquia de Covas e na estrada que vai de Agro do Muíño a Ortoño. De seguido, executarán estes mesmos traballos en Castiñeiro do Lobo, Barouta, Ameixenda, Bugallido, Casanova, Biduído, Ventín, Paramuíño, Outeiro, Cruxeiras, Tarrío e Guimaráns.

A intención é que desbrocen e limpen a maleza existente en todas as beirarrúas das vías do rural, que son de titularidade municipal e os camiños interiores de todas as aldeas das parroquias amesás. Por último, cando rematen os devanditos traballos polas parroquias, acondicionarán os parques infantís municipais que conta con chan de area.

O alcalde de Ames, José Miñones, resaltou a necesidade de contratar a esta brigada para reforzar a limpeza no rural, e comentou que "estamos a valorar a posta en funcionamento dunha brigada permanente que se encargue da limpeza e mantemento do rural, co que estamos a estudar as posibilidades existentes".

Traballos de desbroce nas beiras das pistas forestais
Por outra banda, estes traballos complétanse coas tarefas de desbroce que está realizando o tractor municipal nas beiras das pistas forestais e das estradas asfaltadas do municipio. O tractor municipal traballa entre os meses de maio e outubro (seis meses) ao ano a dobre quenda. Ademais, durante a segunda quincena de xuño contratouse un segundo tractor a través dunha empresa externa para reforzar os servizo. O obxectivo é rematar a segunda volta de desbroce antes de final de xuño.

Na actualidade o tractor municipal está desbrozando na parroquia de Biduído, mentres que o tractor contratado traballa na parroquia de Ortoño. O obxectivo destas actuacións é evitar o risco de incendios durante a temporada estival.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García pon de manifesto a complicación xurdida neste ano coa limpeza e mantemento das beirarrúas e de zonas no rural porque "a climatoloxía desta primavera foi propicia para que a herba e a maleza medrase máis que en anos anteriores e por esa razón tivemos que ampliar o servizo de desbroce de tractores".


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames pone en marcha trabajos de limpieza de aceras y cunetas en carreteras de la zona rural"
El Correo Gallego: "Ames estudia crear una cuadrilla estable para sus desbroces"