Pestanas principais

O Concello de Ames está preparando a Festa de Reis para o xoves, 5 de xaneiro, con importantes novidades

Xoves, 29 de decembro de 2016

[29-12-2016] Un ano máis os Reis Magos pasarán por Ames antes de repartir os agasallos que cada neno e nena lles pediu nas cartas que escribiron previamente. Para recibir aos Magos de Oriente o Concello de Ames está preparando unha gran festa que este ano recolle varias novidades. Deste xeito, non haberá cabalgata polas rúas amesás. Farase unha recepción real nos pavillóns polideportivos do Milladoiro, ás 18:00 horas, e de Bertamiráns, ás 18:30 horas, cunha gran festa de luz e de son. Ademais, haberá varios espectáculos sorpresa.

Falta pouco máis dunha semana para que os Reis Magos Magos fagan entrega dos agasallos que cada neno e nena lles pediu, pero antes Melchor, Gaspar e Baltasar pasarán por Ames para saudar a todos os rapaces e rapazas e darlles caramelos e algunha que noutra sorpresa. Para recibir as súas Maxestades de Oriente o Concello de Ames está preparando unha gran festa á que poderán acudir tanto nenos/as coma adultos. A gran Festa de Reis desenvolverase nos pavillóns polideportivos do Milladoiro, ás 18:00 horas, e de Bertamiráns, ás 18:30 horas.

Farase unha recepción real cun gran espectáculo de luz e son. Ademais, haberá varias actuacións sorpresa que non se desvelarán ata o propio día da festa. Os e as asistentes á dita festa poderán fotografarse nun photocall iluminado que se instalará en cada un dos pavillóns e ao final do acto servirase chocolate e rosca para todos os veciños e veciñas que acudan aos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro. Mais de 90 minutos de entretemento a cuberto e no que tamén se entregarán os premios do concurso de cartas de Nadal.

Concurso de cartas de Nadal
Por segundo ano consecutivo, os Concellos de Ames, Teo e Santiago puxeron en marcha de forma conxunta, e en colaboración coa Maxia do Nadal, unha iniciativa para encher de contido as cartas coas que os cativos e cativas piden os agasallos. Nesta edición co lema Conto, canto o Nadal animaron ás crianzas a usaren o galego e falaren coa xente máis vella da súa contorna para descubriren como era o Nadal doutrora. Todo o descuberto (cantos, contos, xogos, tradicións, costumes, receitas propias desta época...) puidérono compartir cos magos nunha carta da forma que eles ou elas consideraron: escribindo, debuxando, pintando, decorando...

Para participar nesta actividade hai que deixar as cartas nas caixas de correo instaladas nos locais municipais (Casa do Concello, Casas da Cultura e Biblioteca) e o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro martes, 3 de xaneiro (incluído). Todos os nenos e nenas que participen e que indiquen o enderezo correctamente recibirán unha carta resposta na súa casa cun fermoso agasallo de agradecemento.

As cartas máis orixinais serán premiadas na Festa de Reis. Haberá seis premios (tres en Bertamiráns e tres no Milladoiro) para as cartas máis interesantes e creativas e algunha delas ilustrará a programación de Nadal do ano vindeiro. Para elixir as cartas premiadas valorarase a creatividade, a adecuación ao tema proposto e a idade.