Pestanas principais

O Concello de Ames está ofrecendo o servizo de bibliopiscinas no Milladoiro, Bertamiráns e na praia fluvial de Tapia

Xoves, 16 de xullo de 2015

[16-07-2015] O Concello de Ames está desenvolvendo unha nova edición do programa de bibliopiscinas. Tratase dunha iniciativa da concellaría de Educación que, por décimo terceiro ano consecutivo, pretende achegar os seus servizos tradicionais, levando os libros, os xogos, os contos, os xoguetes e varias actividades a estas áreas. Estas actividades desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto nas piscinas descubertas do Milladoiro e Bertamiráns, e na área recreativa de Tapia. Ademais, nas bibliopiscinas hai xornais, xogos de mesa e libros para os maiores.

As actividades de animación á lectura que se desenvolven durante o verán nas piscinas municipais descubertas dá continuidade ao programa de animación que se desenvolve nas bibliotecas durante o resto do ano. O programa rematará cunha gran festa de clausura o último fin de semana de agosto.

O concelleiro de Educación, David Santomil, explicou que “durante os vindeiros anos daráselle continuidade a este servizo que xa está moi consolidado entre a veciñanza amesá. Trátase dun proxecto moi necesario, xa que fomenta o hábito da lectura, e permite a conciliación. Este servizo vaise reforzar cos recursos dispoñibles nas bibliotecas municipais e aproveitaranse as sinerxías doutros departamentos e dos propios centros de ensino do municipio”.

A través desta iniciativa trátase de facer máis divertidas as tardes de sol para pais, nais e fillos/as. Os nenos e nenas poden divertirse coa lectura e con diferentes xoguetes. Os máis pequenos teñen xogos e libros para todas as idades. Os pais e nais tamén poden gozar coa lectura da prensa, lectura dentro do recinto, préstamo de libros a toallas e a domicilio. O servizo de bibliopiscinas desenvólvese durante os meses de xullo e agosto nas piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, así como na praia fluvial de Tapia.

Todos/as coñecemos a importancia de medrar coa lectura e, por esta razón, o Concello impulsa iniciativas coma esta das bibliopiscinas, para que os nenos poidan asociar a lectura non só coas horas de estudo senón tamén co tempo de lecer. Os expertos coinciden en que é importante que os nenos e nenas non perdan o hábito de estudo nas vacacións, xa que logo lles resultará máis complicado a volta á rutina escolar. Pero non debemos esquecer que eles, ao igual que todos, necesitan descansar e desenvolver actividades lúdicas e motivadoras.

Sesións de contacontos e obradoiros
Para esquecerse da rutina do curso e dos estudos os rapaces e rapazas poden gozar de contacontos e obradoiros. Todas as tardes, ás 18:00 horas, desenvólvese “a hora do conto”, na que os monitores realizarán unha sesión de contacontos. Ademais, dous días á semana impártense diferentes obradoiros nos cales os rapaces e rapazas poden elaborar monicreques, marcapáxinas...

Por outra banda, para poder acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio só é preciso contar co carné das bibliopiscinas ou da piscina municipal descuberta. Todos os demais servizos son de acceso libre. As bibliopiscinas estarán abertas ao público nos meses de xullo e agosto.

Horario e persoal das bibliopiscinas
En Bertamiráns e no Milladoiro o horario será de luns a venres de 16:00 h a 20:00 horas. As fins de semana e os festivos estarán pechadas. En Tapia o horario será o mesmo, dende as 16:00 h ás 20:00 horas, pero de martes a domingo (os luns estarán pechadas por descanso do persoal). Ademais, estará aberto os días festivos.

Este servizo está sendo impartido por varios monitores/as da empresa amesá Vagalume, que se encargan de facer máis entretidas as tardes de piscina da época estival. Durante os meses de xullo e agosto o horario das bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro será de 9:00 h a 14:00 horas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Tres instalaciones de Ames y dos de Teo ofrecen bibliopiscinas"