[19-09-2013] Esta semana estanse celebrando as reunións informativas do programa Amesssan. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, participaron nestas xuntanzas de presentación do programa de actividades Amessan 2013-2014. Este servizo municipal, que se desenvolverá entre os meses de outubro e xuño, inclúe as actividades de xerontoximnasia (ximnasia terapéutica), ludoteca cognitiva (estimulación das funcións cognitivas), obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”, actividades de manualidades “Creando fogares” e actividades relacionadas coa formación dun coro. Este ano a principal novidade será que se impartirá un novo obradoiro chamado “Achégate ao inglés”.
O vindeiro luns, 7 de outubro, botará a andar unha nova edición do programa Amessan, un servizo de realización de actividades de prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores. Este programa ten como finalidade impulsar o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. A través das diferentes actividades integradas no proxecto, lógrase ademais que os maiores saian da casa, coñezan xente, estean entretidos e ao mesmo tempo fagan exercicio.
Pero antes de comezar as actividades de Amessan, esta semana estanse desenvolvendo as reunións informativas que tamén serven de presentación do programa de actividades do curso 2013-2014. Onte celebráronse cinco xuntanzas informativas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns e nos locais sociais da Ameixenda; Covas; Cruxeiras; e Piñeiro.
Hoxe continúan as reunións informativas. Neste caso as presentacións comezarán ás 17:00 h en Agrón. Posteriormente, seguirán ás 17:45 h en Trasmonte; ás 18:30 h no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro; ás 19:30 h en Bugallido; e ás 20:15 horas na Tarroeira. Nestas reunións participará o persoal da empresa Esproade, que é a encargada de impartir este servizo municipal. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, tamén están participando nestas xuntanzas de presentación do programa de actividades Amessan 2013-2014.
Horarios das actividades de Amessan
Este programa, que se desenvolverá entre os meses de outubro e xuño, inclúe as actividades de xerontoximnasia (ximnasia terapéutica), ludoteca cognitiva (estimulación das funcións cognitivas), obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”, actividades de manualidades “Creando fogares” e actividades relacionadas coa formación dun coro. Este ano a principal novidade será que se impartirá un novo obradoiro denominado “Achégate ao inglés”.
Na parroquia de Agrón desenvolverase o obradoiro de manualidades “Creando fogares” no local social, os xoves de 17:00 a 19:00 horas. Na Ameixenda os veciños e veciñas desta parroquia poderán participar no obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”. Esta actividade desenvolverase no local social os martes de 17:00 a 19:00 horas.
En Bertamiráns impartiranse catro actividades. Os luns e mércores, de 17:30 a 18:30 horas, desenvolverase a actividade de xerontoximnasia GI, e os martes e xoves, de 12:00 a 13:00 horas, impartirase xerontoximnasia GII. Estas dúas actividades desenvolveranse no auditorio da Casa da Cultura. Ademais, nesta localidade realizaranse as actividades de ludoteca cognitiva (os luns e mércores, de 16:30 a 17:30 horas, na sala de usos múltiples da Casa da Cultura) e de coro (os mércores, de 18:30 a 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura).
Na parroquia de Bugallido desenvolveranse tres actividades. Os luns e venres, de 20:00 a 21:00 horas, desenvolverase a actividade de xerontoximnasia GI, e o luns e venres, de 21:00 a 22:00 horas, impartirase xerontoximnasia GII. Estas dúas actividades desenvolveranse no local social. En Bugallido, os veciños e veciñas desta parroquia tamén poderán participar no obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”. Esta actividade desenvolverase no local social os mércores de 16:30 a 18:30 horas.
No local social de Covas impartirase a actividade de ludoteca cognitiva os xoves, en horario de 19:00 a 21:00 horas, mentres que no local social de Cruxeiras desenvolveranse dúas actividades; xerontoximnasia (os martes e xoves de 20:00 a 21:00 horas) e o obradoiro de manualidades “Creando fogares” (os martes de 18:00 a 20:00 horas).
No Milladoiro impartiranse seis actividades. Os martes e xoves, de 17:30 a 18:30 horas, desenvolverase a actividade de xerontoximnasia GI, e os martes e xoves, de 18:30 a 19:30 horas, impartirase xerontoximnasia GII. Estas dúas actividades desenvolveranse no auditorio da Casa da Cultura. Ademais, nesta localidade realizarase a actividade de ludoteca cognitiva GI (os luns e xoves, de 18:00 a 19:00 horas) e a ludoteca cognitiva GII (os luns e mércores, de 19:30 a 20:30 horas). Estas dúas actividades desenvolveranse nas aulas 2 e 3 da Casa da Cultura. Por outra banda, nas aulas 2, 3 e 4 da Casa da Cultura impartiranse o obradoiro de “Achégate ao inglés” (os luns e mércores, de 16:30 a 17:30 horas) e o obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha” (os venres de 17:00 a 19:00 horas).
No local social de Piñeiro haberá xerontoximnasia os luns e mércores, en horario de 19:00 a 20:00 horas, e na Tarroeira tamén se impartira esta mesma actividade os luns e mércores, pero en horario de 20:30 a 21:30 horas. Por último, no local social de Trasmonte desenvolverase o obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha” (os luns de 19:00 a 21:00 horas).
Inscricións nas actividades
As inscricións faranse o propio día que comeza o programa no lugar e horario no que se desenvolve a actividade a que cada persoa acode. Cómpre lembrar que o programa Amessan comeza a semana do 7 de outubro. Para realizar as inscricións cada usuario/a debera presentar o primeiro día unha fotocopia do DNI. As persoas que teñan menos de 60 anos terán que presentar tamén un informe do médico de atención primaria.




