[11-12-2014] O Concello de Ames puxo en marcha a comezos de decembro unha campaña de recollida de alimentos de Nadal. Dende o departamento de Servizos Sociais fan un chamamento á cidadanía a colaborar nesta causa solidaria. As persoas interesadas en doar algún alimento poden facelo ata o vindeiro 19 de decembro nos distintos puntos de recollida, situados na Casa do Concello, na Oficina Municipal do Milladoiro, no Pazo da Peregrina e nas casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. O reparto realizarase a partir do día 20 deste mes.

A concelleira de Servizos Sociais, Eugenia Martín, explica que a filosofía desta campaña é “ofrecer ás familias máis necesitadas do Concello de Ames a posibilidade de consumir algúns alimentos típicos do Nadal aos que non poden acceder”.
Por outro lado, a Oficina de Voluntariado do Concello de Ames está desenvolvendo, por duodécimo ano consecutivo, unha campaña de recollida de xoguetes. Baixo o lema En Ames todos xogamos búscase que “ningún neno ou nena quede sen agasallo este Nadal”. Tal como explican dende o departamento de voluntariado “nestas datas aumenta o número de persoas voluntarias e sempre se reúne unha gran cantidade de regalos, suficiente para atender aos 120 rapaces inscritos no departamento de Servizos Sociais municipal”.
Ata o 2 de xaneiro recolleranse xoguetes novos ou en bo estado nas Casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro co obxectivo de que todos os pequenos e pequenas de Ames poidan recibir o seu agasallo na Noite de Reis.




