[13-08-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Vías e Obras, está executando un plan de acondicionamento e arranxo das beirarrúas no núcleo urbano do Milladoiro. Esta actuación contempla a reparación das baldosas que están rotas ou soltas de 23 rúas do Milladoiro. Nestes traballos o Concello de Ames vai investir uns 18.500 euros. As obras comezaron pola rúa dos Cereixos e pola avenida de Rosalía de Castro e continuarán pola rúa Estivada de Castelao e polas 20 rúas estantes que se contemplan neste plan. O concelleiro de Vías e Obras, Alfredo Taboada, achegouse ata a rúa dos Cereixos para comprobar o inicio destes traballos.
Ao longo deste ano o Concello de Ames está desenvolvendo un plan de mantemento e acondicionamento das beirarrúas do termo municipal amiense. En primeiro lugar, realizáronse tres actuacións para arranxar as beirarrúas do núcleo urbano de Bertamiráns. Nesta localidade o Concello investiu máis de 22.700 euros en acometer estes traballos en 13 rúas diferentes do núcleo urbano.
Unha vez rematados os traballos de mantemento das beirarrúas de Bertamiráns, agora o Concello continúa con este plan de actuacións realizando estes mesmos traballos pero no núcleo urbano do Milladoiro. As obras de arranxo das baldosas das beirarrúas comezaron pola rúa dos Cereixos e pola avenida de Rosalía de Castro e continuarán pola rúa Estivada de Castelao.
Durante as próximas semanas as obras continuarán polas 20 rúas restantes que se contemplan neste plan que son as rúas da Camelia; do Agro da Madalena; da Madalena; do Seixo; do Francés; de Viorneira; da Cruxa; da Panasqueira; de Besada; de Figueiras; de Costa Grande; da Moa; do Rego; do Agro do Medio; de Pardiñeiros; de Raxoeira; de Abaixo; do Muíño Vello; de Palmeiras e de Agriños.
O concelleiro de Vías e Obras, Alfredo Taboada, achegouse ata a rúa dos Cereixos para comprobar o inicio destes traballos. Os operarios das empresas contratadas para executar estas obras están cambiando as baldosas que están rotas e pegando as que están soltas. Nestes traballos o Concello de Ames vai investir uns 18.500 euros.
O concelleiro de Vías e Obras, Alfredo Taboada, explicou que “entre as actuacións realizadas en Bertamiráns e as que se están executando nestes momentos no núcleo urbano do Milladoiro o Concello investira 41.200 euros no arranxo e acondicionamento das beirarrúas das dúas principais localidades do municipio. En total, actuarase en preto de 40 rúas de ambas as dúas localidades”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames destina 20.000 euros a reparar las aceras de 23 calles de Milladoiro"