Pestanas principais

O Concello de Ames está levando a cabo un proceso de acondicionamento de beirarrúas en Bertamiráns e no Milladoiro

Luns, 05 de xuño de 2017

[05-06-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, está executando un plan de acondicionamento e arranxo das beirarrúas nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Esta actuación contempla a reparación das baldosas que están rotas ou soltas das avenidas da Maía e Rosalía de Castro. Ademais, cando se remate con estes traballos tratarase de atender outras rúas de ambas localidades.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “dende o goberno municipal somos conscientes de que o estado de moitas das beirarrúas do concello non é bo porque hai bastante tempo que non se acondicionan, e ademais, moitas delas son bastante antigas. Por iso estamos desenvolvendo este plan de acondicionamento. Ademais, pedímoslle aos veciños e veciñas que detecten calquera deficiencia nas beirarrúas que nolas trasladen para poder solucionalas o antes posible”.

Estes traballos estanse desenvolvendo con medios propios na beirarrúa esquerda da avenida da Maía (dirección Bertamiráns-Brión). Dous operarios da brigada municipal están reparando as baldosas que están rotas ou soltas. O tramo de actuación vai dende o límite co concello de Brión, no Tremo, ata a zona de Lapido. Unha vez finalicen este tramo de beirarrúa, acondicionaran a marxe dereita de dita rúa. Estes traballos levan executándose arredor de catro meses.

Por outra banda, estanse realizando estes mesmos traballos no núcleo urbano do Milladoiro. Neste caso os traballos están sendo executados a través dunha empresa que foi contratada a través dun contrato menor. Estas actuacións, que se realizarán dende o límite do concello de Teo ata o límite co concello de Santiago de Compostela, levan executándose dende comezos de ano.

Blas García destaca que “o persoal da brigada municipal de obras é escaso para atender os dous núcleos urbanos do concello, polo que tivemos que contratar a unha empresa para poder desenvolver esta actuación no Milladoiro. Trátase de traballos prioritarios que se están realizando nas avenidas de Rosalía de Castro de da Maía. Cando se remate nestas rúas, trataremos de atender outras rúas de ambas localidades”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames repara aceras en las urbes y mejora la zona de Ponte Cabrita"