[04-07-2012] O Concello de Ames, en virtude dun convenio de colaboración subscrito coa Consellería de Medio Rural e do Mar, está realizando un intenso plan de desbroce de camiños forestais no municipio. O obxectivo destes traballos é intensificar a prevención de incendios, manter as vías e camiños e outras superficies de titularidade municipal en boas condicións e reforzar a limpeza levada a cabo pola maquinaria municipal durante todo o ano.
A través desta colaboración, o que se consegue é complementar as labores de limpeza co tractor municipal que xa vén realizando o Concello en todo o municipio. En virtude do acordo asinado coa Consellería de Medio Rural, os traballos de limpeza de pistas forestais comezaron na parroquia de Ames, máis concretamente nas zonas de Proupín e no monte de San Marcos; continuando por unha parte da parroquia da Ameixenda e pola de Covas, en zonas coma Ventosa de Abaixo ou Casas do Monte. Tamén se levaron a cabo traballos de mantemento de pistas forestais nas parroquias de Bugallido e Biduído.
Neste momento, a maquinaria atópase traballando na zona de Monte Picón e en Buceleiras, así como no punto de auga para helicópteros de Framán. Despois, trasladarase á zona norte do municipio amiense, acometendo a limpeza no resto das pistas forestais da parroquia da Ameixenda, e recorrendo as pistas doutras parroquias como Trasmonte, Piñeiro ou Tapia.
O obxectivo deste convenio para a participación na prevención de incendios forestais, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, é realizar tratamentos preventivos en vías, camiños e outras superficies forestais de titularidade municipal.
Este acordo, dotado cun orzamento máximo anual de 11.498 euros, amosa a vontade do Concello de Ames de colaborar coa Consellería de Medio Rural e do Mar na vixilancia, prevención e defensa dos incendios forestais. O obxectivo é actuar mediante tarefas preventivas, sobre as causas dos incendios forestais co obxecto de evitalos ou, en todo caso, minorar as súas consecuencias económicas e ambientais.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "El Concello de Ames ejecuta su plan para la prevención de incendios"