Pestanas principais

O Concello de Ames está levando a cabo traballos de limpeza en beirarrúas e vías da zona rural

Venres, 05 de agosto de 2016

[05-08-2016] O Concello de Ames, a través da concellaría de Obras Públicas, está realizando traballos de mantemento e limpeza das beirarrúas e das vías interiores da zona rural amesá. Estes traballos estanse realizando principalmente nas parroquias do rural e nos arredores de Bertamiráns e do Milladoiro. Para desenvolver estes traballos contratouse un equipo de xardinería composto de dous operarios, que traballan a xornada completa durante catro meses. Esta actuación ten un custo para o Concello de 18.694.50 euros.


O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “co paso do tempo as beirarrúas e as cunetas das pistas van acumulando sedimentos e vexetación, que pouco a pouco van atascando os pasos de auga e dificultando a drenaxe das pistas. Debido a iso é necesario realizar periodicamente un proceso de limpeza e acondicionamento das cunetas das pistas e das beirarrúas que se atopan na zona rural do concello. Este traballos son fundamentais antes da chegada do inverno”.

Para realizar estes traballos de mantemento e limpeza o goberno municipal contratou os servizos dunha empresa, que puxo a disposición do Concello un equipo de xardinería composto de dous operarios a xornada completa, que realizan 40 horas semanais, durante 4 meses. Estes traballadores están equipados cun vehículo, para recoller os restos de vexetación e maleza que limpan, desbrozadoras manuais, e ferramenta necesaria para o correcto desenvolvemento dos traballos que están realizando. Esta actuación ten un custo para o Concello de 18.694.50 euros.

Durante as últimas semanas, estes operarios xa estiveron realizando traballos de limpeza nos lugares de Lens e Miso, pertencentes á parroquia de Lens, na Ponte Maceira (Agrón), nas parroquias de Covas e Biduído, nos lugares de Sisalde, Maguxe e Lapido, da parroquia de Ortoño, e nun tramo do Camiño de Santiago a Fisterra, ao seu paso por Augapesada.

Na actualidade, están limpando as cunetas do lugar de Cantalarrana, que tamén pertence á parroquia de Ortoño. A intención é que desbrocen e limpen a maleza existente en todas as beirarrúas das vías do rural, que son de titularidade municipal e os camiños interiores de todas as aldeas das parroquias amesás. Durante as vindeiras semanas continuarán con estes traballos polo resto de zonas que faltan por limpar.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames limpia las aceras y vías de la zona rural"