[05-04-2016] O Concello de Ames está impartindo un curso de prevención de riscos laborais no que están participando 10 persoas pertencentes á brigada municipal de obras. Ademais dúas destas persoas, que pertencen á brigada de obras, son delegados de prevención. Este curso, que se está desenvolvendo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns entre o 28 de marzo e 18 de abril, está composto por 60 horas formativas. Os contidos impártense de xeito presencial os luns, martes e mércores, en horario de 8:30 a 15:00 horas.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “o goberno municipal está formando aos recursos preventivos dos oficios de albanelería, electricistas, xardinería e pintores, para que estas persoas velen polo cumprimento de todas as normas de prevención da área na que desenvolven o seu traballo. Este goberno aposta de maneira decidida pola seguridade laboral dos seus traballadores e traballadoras e queremos que Ames sexa un referente municipal na prevención de riscos laborais e en seguridade e saúde”.
A este curso están acudindo 10 membros da brigada municipal de obras entre os que se atopan o encargado de dita brigada e dous delegados de prevención. Este curso formativo consta de 60 horas lectivas relativas a un curso básico de prevención na construción. Estes contidos capacitan ao empregado para exercer como recurso preventivo. Dentro dos contidos deste curso tamén se inclúe un apartado específico sobre os dereitos e deberes dos recursos preventivos.
Os contidos impártense de xeito presencial no Pazo da Peregrina os luns, martes e mércores, en horario de 8:30 a 15:00 horas. O curso comezou o pasado 28 de marzo e desenvolverase ata o vindeiro 18 de abril. Ao final os asistentes terán que realizar un exame nas dependencias de Norprevención, situadas en Santiago de Compostela.
Unha vez rematado o curso formativo o Concello disporá dunha persoa que será recurso preventivo nos oficios de albanelería, electricistas, xardinería e pintores. O goberno municipal será o encargado de designar ás persoas que se encargarán de velar polo cumprimento de todas as normas de prevención da área na que desenvolven o seu traballo. Ademais, designarase unha persoa que substitúa aos recursos preventivos titulares en caso de ausencia.




