Pestanas principais

O Concello de Ames está executando un plan de revisión e mantemento dos parques infantís municipais

Mércores, 02 de abril de 2014

[02-04-2014] O Concello de Ames puxo en marcha un programa de revisión e mantemento dos parques infantís do municipio co obxectivo de comprobar o estado no que se atopan estas áreas recreativas e solucionar os problemas puntuais que presentan. O obxectivo do goberno municipal é que os parques infantís estean en perfectas condicións de cara á chagada do bo tempo. Os técnicos da concellería de Obras e Parques do Concello de Ames percorreron os 25 parques infantís situados tanto na zona do rural como nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro para examinar o seu estado. Posteriormente, elaboraron un informe coas necesidades que presenta cada parque infantil. A brigada municipal de obras xa comezou a executar algunhas reparacións. Os traballos de maior envergadura serán contratados a empresas externas.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Obras e Parques, está desenvolvendo un plan de revisión e mantemento dos parques infantís municipais. Este plan de traballo afecta a un total de 25 parques infantís que están situados nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nas parroquias de Ortoño, Piñeiro, Ames, Trasmonte, Biduído e Covas. En primeiro lugar, os técnicos da concellería de Obras e Parques do Concello de Ames percorreron os 25 parques infantís situados tanto na zona do rural como nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro para examinar o seu estado. Posteriormente, elaboraron un informe coas necesidades que presenta cada parque infantil.

Estas actuacións levaranse a cabo en 4 parques de Bertamiráns (parque da praza de Chavián, parque da rúa Horta de Abaixo, parque do paseo fluvial e parque do Ameneiral), en 8 parques infantís do Milladoiro (parque de Manuel Murguía, parque da rúa Estivada de Castelao, parque da rúa Pardiñeiros, parque da praza de Correos, parque Sanma, parque da rúa Travesa, parque da rúa Seidón e no parque que está ao lado do cuartel da Garda Civil) e noutros 13 parque que se atopan en diferentes parroquias amienses (parque do Agro do Muíño, parque de Piñeiro, parque de Cruxeiras, parque de Proupín, parque de Augapesada, parque de Castiñeiro do Lobo, parque de Aldea Nova, parque de Covas, parque de Trasmonte, parque de Biduído, parque da urbanización As Mimosas, parque de Ventín e parque de Lapido).

A brigada municipal de obras xa comezou a executar algunhas reparacións nos parques infantís. Este grupo de traballo executará os traballos máis sinxelos, mentres que os traballos de maior envergadura serán contratados a empresas externas. Os traballos que hai que realizar son moi variados. Algunhas instalacións só necesitan un man de pintura de prevención, pero noutras hai que realizar outros traballos de acondicionamento como poden ser o pintado dos valados de peche de madeira, a reposición de táboas dos valados de peches, a renovación de varios elementos de xogo, a reposición de area ou do caucho do chan dos parques, etc.

Con cargo ao Plan de Obras e Servizos Complementario do exercicio 2013 vaise renovar o pavimento de caucho do parque da praza de Chavián, de Bertamiráns, do parque da praza de Correos, do Milladoiro, e do parque do Agro do Muíño, situado en Ortoño. Estas zonas de xogo son empregadas por moitos nenos e nenas durante a época estival, polo que é necesario acondicionalas para que estean en condicións para a súa utilización. O obxectivo do Concello de Ames é acometer as actuacións necesarias para que poidan ser empregados por todos os nenos e nenas que así o desexen.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames está executando un plan de revisión e mantemento dos parques infantís municipais"
La Voz de Galicia: "El equipo amiense de Obras asumirá trabajos menores en varios parques infantiles"