[12-07-2013] Nas últimas xornadas, o Concello de Ames estivo levando a cabo os traballos necesarios para finalizar a construción dunha rotonda situada na rúa do Pedregal, en Bertamiráns. Esta mesma mañá, operarios municipais procederon á colocación dunha farola de 11 metros de altura composta por catro focos de 150 vatios cada un na rotonda, co obxectivo de dotala de alumeado. Agora, só restan algunhas actuacións incluídas na última fase da construción da rotonda como é o pintado da sinalización horizontal.

No mes de xuño comezaron os traballos para a construción desta rotonda na rúa do Pedregal, en Bertamiráns. As obras, postas en marcha polo Concello de Ames, contaron cun orzamento estimado de 9.463 euros e permitirán mellorar a conexión do polígono de vivendas APE B7-01 Río Ameneiral co solo urbano da rúa Pedregal, Poeta da Maía e Travesía do Pedregal. O concelleiro de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, destacou que “con esta actuación, comprometida polo Goberno amiense, mellorarase a circulación de peóns e vehículos, dotando á zona dunha maior seguridade”.
Segundo o proxecto das obras, nesta zona construíuse unha rotonda que conta unha superficie de 243 metros cadrados e de 17 metros de diámetro. Os traballos que se levaron a cabo consistiron na demolición de firme, execución de bordillo de rotonda e recheo de terra vexetal, e destinouse unha partida para xardinería. Tamén se acometeu a instalación na rotonda dunha boca de rego, de canalizacións para alumeado e instaláronse elementos de sinalización e seguridade. Esta actuación forma parte dun conxunto de iniciativas que se realizarán na zona que comprende dende a Travesía do Pedregal ata a Rúa do Pedregal para mellorar a circulación de peóns e vehículos.




