[17-03-2014] O Concello de Ames, a través da Concellería de Deportes, está levando a cabo o servizo de mantemento do céspede artificial dos campos municipais de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, así como da pista municipal de pádel que está situada na urbanización de Aldea Nova. Estes traballos teñen o obxectivo de limpar e conservar o céspede artificial destas instalacións deportivas. Estes traballos realízanse cada dous meses. Un mes realízanse no campo de fútbol de Bertamiráns e outro mes no campo de fútbol do Milladoiro. Na pista de pádel de Aldea Nova os traballos de limpeza e conservación lévanse a cabo cada dous meses. En total, neste servizo invístense máis de 4.000 euros.
Aproveitando o bo tempo deste últimos días o Concello de Ames está levando a cabo os traballos de mantemento do céspede artificial dos campos municipais de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, así como da pista municipal de pádel que está situada na urbanización de Aldea Nova. Estes traballos teñen o obxectivo de manter en perfectas condicións estas instalacións que son empregadas por un gran número de veciños e veciñas de Ames.
O campo de fútbol de Bertamiráns é empregado todos os días por varios equipos de fútbol do concello para realizar os seus adestramentos. O Bertamiráns FC é o equipo que máis emprega esta instalación. Todas as categorías do Bertamiráns FC (benxamín, alevín, infantil, cadetes, xuvenís e modestos) adestran neste campo. Ademais, estas instalacións son empregadas polo club Estela 25.com. Por outra banda, o campo municipal do Milladoiro é empregado polo Milladoiro SD, Ortoño CF e Biduído SR.
A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, destaca que “aproveitando o bo tempo destas últimas semanas estanse levando a cabo os traballos de mantemento dos campos de fútbol municipais co obxectivo de que estas instalacións deportivas estean en perfectas condicións a través dun mantemento periódico”. María Eugenia Martín explica que “estes traballos desenvólvense todos os meses. Un mes no campo de fútbol de Milladoiro e outro mes no campo de fútbol de Bertamiráns. Durante 10 meses realízanse un total de 10 actuacións, 5 en cada un dos campos. Estas actuacións terán un custo de 3.500 euros máis IVE”.
Algúns dos traballos que se están realizando nos campos de fútbol son a eliminación das malas herbas que aparecen no céspede, a limpeza da sucidade (resto de fibras, follas, chicles, etc.) e o encolado, se é necesario, das xuntas de unión de toda a superficie. Ademais, compróbase o estado do céspede do punto de penalti por se é necesario cambialo e acométese a descompactación da superficie do campo (esta é unha operación moi importante xa que un terreo de xogo moi compactado pode ocasionar lesións musculares e unha deficiente evacuación da auga co conseguinte anegamento do campo).
Estes traballos tamén inclúen un levantamento do campo para determinar a cantidade de caucho que se debe incorporar; o recebado e lastrado da superficie do céspede; cepillado da superficie; baleirado das canaletas perimétricas de desaugue; e o tratamento con herbicidas e funxicidas para eliminar malas herbas e fungos.
Pista municipal de pádel
Por outra banda, estase realizando o servizo de mantemento da pista municipal de pádel, que se atopa na urbanización de Aldea Nova. Neste caso os traballos de limpeza e conservación lévanse a cabo cada dous meses. Estes traballos teñen un custo de 400 euros máis IVE. Algúns dos traballos que se están levando a cabo son a limpeza da superficie (arrincado das malas herbas que aparecen no céspede e eliminación da sucidade); verificación e repaso das xuntas de unión de todo o campo; descompactación da superficie; recebado e lastrado da superficie de xogo; cepillado; e tratamento con herbicidas e funxicidas para eliminar malas herbas e fungos.




