Pestanas principais

O Concello de Ames está executando as obras que permitirán mellorar a seguridade peonil nas inmediacións do centro educativo Alca

Xoves, 23 de outubro de 2014

[23-10-2014] O concelleiro de Obras do Concello de Ames, Alfredo Taboada, achegouse esta mañá ata as inmediacións do centro educativo Alca para comprobar o desenvolvemento dos traballos de mellora da seguridade peonil e de asfaltado que se están a acometer nesta zona. A finalidade destas obras é mellorar as condicións de seguridade dos peóns que circulan polos accesos ao centro educativo situado na parroquia amiense de Biduído e que na súa maioría son escolares, pais e nais e persoal docente. Estes traballos, que contan cun orzamento de máis de 53.300 euros, están incluídos no Plan de Obras e Servizos da Deputación 2014.

Os traballos están divididos en dous treitos de 265x1,00 e 95x1,50 metros e supoñen a pavimentación do terreo con dez centímetros de zahorra e dez de formigón. Previamente á execución do pavimento, levouse a cabo unha canalización de 365 metros de tubería de PVC e a execución de 12 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais. Todo elo previa escavación dunha gabia e posterior compactado da mesma.

A obra ten como obxectivo mellorar a capa de rodaxe de acceso ao centro educativo mediante o emprego de tratamento asfáltico, reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Deste xeito, conséguese que a circulación dos peóns se poida realizar nunhas condicións máis seguras. No lugar onde se están realizando os traballos, Alfredo Taboada reuniuse co responsable das obras, co que abordou o seu desenvolvemento e os pasos que se darán nas vindeiras xornadas.

Estas obras enmárcanse no conxunto de traballos que está realizando o concello amiense para mellorar os accesos a centros educativos e deportivos. Estas actuacións, ademais da mellora dos accesos a Alca, inclúen tamén a obra de asfaltado no aparcadoiro do campo de fútbol do Milladoiro e no camiño de entrada a este recinto. Ademais, repararanse as sendas para garantir unha maior seguridade peonil no traxecto que vai dende Tras do Río ata o CEIP Agro do Muíño e no tramo comprendido entre Casanova e Raíces.