[20-11-2012] O Concello de Ames está acometendo os traballos de mellora e acondicionamento de diferentes vías que están incluídas no Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM). Este plan está dotado con 41.840 euros. En total, estanse levando a cabo catro obras: no camiño de Searez a Oca, o acceso a Framil, no camiño que une Barreiro e Framil e o que une o Polígono do Milladoiro e Coira. Os traballos están xa moi avanzados e a piques de rematar nas catro vías.
O PEIM é un plan de obras destinado a mellorar infraestruturas no entorno rural que conta con financiamento da Xunta de Galicia e do Goberno central. A través deste plan, o Concello puido sufragar algúns dos custos que lle supón a mellora da rede viaria de camiños municipais. O convenio foi asinado no pasado mes de xullo no Pazo da Peregrina, nun acto ao que asistiu a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e no que estiveron presentes representantes de 34 concellos.
O concelleiro de Vías e Obras do Concello de Ames, Alfredo Taboada, subliña que estas obras do PEIM “permiten impulsar o desenvolvemento do rural amiense, a través da mellora dos seus accesos”. O edil destaca que as melloras que se realizan a través do PEIM, permiten completar outras actuacións que se están levando a cabo desde a Concellería.
Características das obras
No camiño que une Searez e Oca (Ames), que conta cunha lonxitude total de 1.440 metros e 400 de ancho, acometeuse a mellora da capa de rodaxe da vía, mediante un tratamento asfáltico superficial. Previamente, repararanse as fochancas e perfilaranse as mordentes con grava e asfalto. Neste caso, tamén se contempla a limpeza das gabias a ambos lados.
Por outra banda, no acceso a Framil (de 130 metros de lonxitude e 3,5 de ancho) o Concello veu prioritario mellorar a vía con asfalto e reparar fochancas e mordentes. Tamén se contemplou a necesidade de acometer a limpeza das gabias e colocar unha sinal de STOP.
Cunha lonxitude total de 870 metros, no camiño que vai de Barreiro a Framil tamén se executou a mellora da capa de rodaxe con asfalto e a reparación de mordentes e fochancas. Aquí, tamén foi necesario acometer a limpeza das gabias nas dúas marxes do camiño.
Por último, no camiño que une o Polígono do Milladoiro con Coira, de 345 metros de lonxitude e 5 m. de ancho, foi preciso mellorar o firme, eliminando fochancas e dando un tratamento asfáltico semiprofundo. Nesta vía, tamén foi necesario limpar as gabias e executar unha canalización de 2 metros de tajea de formigón de 40 centímetros de diámetro para drenaxe.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames está executando as obras que están incluídas no PEIM, dotadas con 41.840 euros"
La Voz de Galicia: "Ames ultima las obras para mejorar los accesos del rural"
El Correo Gallego: "Acometen trece mejoras en vías de A Baña y Ames dentro del PEIM Rural"




