[27-09-2016] Aproveitando o bo tempo destas semanas estanse executando os traballos de reparación do camiño interior do lugar de Pegariños, pertencente á parroquia de Ames. Estas obras están incluídas dentro do Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña. Estes traballos, xunco coa reparación das rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral de Bertamiráns, foron adxudicados á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL por un importe de 51.399, 84, IVE incluído.
O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, estiveron supervisando as obras que se están executando no lugar de Pegariños. As autoridades municipais realizaron esta visita acompañados por varios técnicos municipais, da empresa adxudicataria da obra e do Estudio Técnico Gallego. Tanto o alcalde como o concelleiro de Obras aproveitaron esta visita para falar cos veciños e veciñas do lugar co fin de atender as demandas feitas sobre a realización desta obra.
Os traballos de reparación no interior do lugar de Pegariños, pertencente á parroquia de Ames, están divididos en varios treitos. En oito destes tramos de 15x9,00; 10x3,00; 6x4,00; 50x5,00; 20x9,00; 30x6,00; 50x4,50; e 45x3,50, estase reparando o pavimento e repoñendo o firme aplicando doce centímetros de formigón, incluíndo mallazo e xuntas de dilatación, intercalando franxas de adoquín de granito de 5 metros de lonxitude e medio metro de ancho. Previamente houbo que demoler o pavimento existente e acondicionar a explanada.
Ademais, nun treito de 420 metros de lonxitude e 4 metros de ancho estase mellorando a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e aplicando un rego de selado en toda a superficie. Previamente, houbo que reparar as fochancas existentes e perfilar as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. No proxecto tamén se contempla a canalización de 190 metros de tubería de PVC de 400 milímetros de diámetro, a execución de tres pozos de rexistro e a execución de 47 metros de caz de formigón con reixa para a recollida de augas pluviais.
O rexedor municipal destaca “a necesidade de mellorar os camiños e vías do rural, e sobre todo, os pequenos núcleos históricos como é o caso de Pegariños. Dende o goberno municipal apostamos por facer máis habitables as aldeas amesáns. Para iso estanse incluíndo estes traballos en diversos plans provinciais co fin de obter os recursos económicos necesarios”.






