Pestanas principais

O Concello de Ames está executando obras en Trasmonte e no Milladoiro por valor de 70.000 euros

Mércores, 17 de decembro de 2014

[17-12-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, e a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, visitaron as obras que se están realizando na contorna do campo de fútbol do Milladoiro, para mellorar o acceso a esta instalación deportiva e para dotalo dunha zona de aparcamento. Ademais, na actualidade estanse executando os traballos para mellorar a pavimentación dun camiño municipal que vai de Portanxil a Trasmonte. Estas obras, que contan cun presuposto de arredor de 70.000 euros, están sufragadas con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña.

O Concello de Ames está mellorando varios camiños e instalacións municipais a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña. Na actualidade, estanse executando as obras de asfaltado e mellora do acceso ao campo municipal de fútbol do Milladoiro. Ademais, estase dotando a esta instalación deportiva dun aparcamento no que todos os usuarios/as que empregan este campo de fútbol poidan estacionar os seus vehículos.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “se trata de obras moi demandadas polos veciños e veciñas de Ames e que repercutirán no seu beneficio. Os traballos que se están executando no acceso do campo de fútbol do Milladoiro eran moi necesarios e estaban pendentes de executar practicamente dende o día da inauguración desta instalación municipal. Esta obra foi un compromiso adquirido cos clubs de fútbol que utilizan estas instalacións. En poucas semanas tamén comezarán as obras para dotar a esta instalación dunhas gradas cubertas”.

Esta actuación estase realizando nunha superficie de 2.170 metros cadrados. Os traballos estanse desenvolvendo en sete treitos diferentes que contan cunhas dimensións de 35x20; 40x12; 16x11; 22x13; 19x10; 20x8 e 20x6 metros, así como en 58 metros cadrados de sobreanchos. Os traballos consisten na explanación, nivelación e rasanteo do terreo, así como na aplicación de 12 centímetros de grava e un triplo tratamento de asfalto.

Ademais, vaise a pavimentar o acceso ao campo de fútbol que conta con 105 metros de lonxitude e 3,25 metros de ancho con dez centímetros de formigón. Tamén se contempla a colocación de 305 metros de bordo de formigón e baldosa de formigón vibrado. Antes da execución do pavimento realizarase a canalización de 20 metros de tubería de PVC de 315 milímetros de diámetro, a execución de 6 metros de caz de formigón con reixa e a canalización de 6 metros de taxea de formigón de 40 centímetros de diámetro, todo elo para a recollida de augas pluviais.

Pavimentación do camiño de Portanxil a Trasmonte
Por outra banda, estanse executando obras nun camiño municipal que vai de Portanxil a Trasmonte. Estes traballos estanse realizando en dous treitos de 650x5 e 155x5,5 metros, así como en dúas zonas con forma de abanico de 35x5 e 15x5 metros. A través desta actuación vaise mellorar a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e con rego de selado en toda a superficie. Previamente, houbo que reparar as fochancas e perfilar as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, contémplase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para que haxa unha correcta drenaxe.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames ejecuta obras viarias en Trasmonte y Milladoiro"
El Correo Gallego: "Dotarán dun aparcamento ao campo de fútbol do Milladoiro"