[24-11-2015] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras Públicas, Blas García, visitaron a obra que está executando a empresa Martínez Montes e Hijos SL, para arranxar o camiño do lugar da Ventosa, pertencente á parroquia de Covas. Esta obra, que está incluída no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, ten un custo de 40.898 euros.
O concelleiro de Obras Públicas, Blas García, explica que “o camiño que conecta a estrada AC-453 coa urbanización de nova construción situada no lugar da Ventosa, presentaba un estado pésimo de conservación e servizo no que se refire á falta de ordenación do tráfico rodado e peonil, así como a clara descontinuidade que existía na rede de drenaxe. Por este lugar discorre un tramo do Camiño que vai dende Santiago a Fisterra, polo que tamén é imporante que este camiño se atope en boas condicións”.
As principais actuacións que se realizaron neste camiño foron que se ancheou o acceso a esta vía dende a AC-453, a mellora do firme de toda a calzada e que se habilitou unha zona nas dúas marxes da vía para os peóns. A través desta actuación ordenouse o tránsito rodado e peonil da zona, definindo unhas zonas claras de ocupación para vehículos e outras para peóns. O escaso ancho desta vía esixiu que esta división se realice sen que haxa barreiras físicas para que os peóns poidan acceder á calzada da estrada cando sexa preciso.
Por outra banda, co obxecto de darlle unha certa continuidade á rede de drenaxe existente e evitar os perigos derivados dos tramos executados en canal aberto sen protección, decidiuse canalizar estes últimos, empregando para elo colectores de formigón en masa de 600 milímetros de diámetro reforzados con formigón. Tamén se colocaron dúas liñas de caces prefabricados de formigón nos bordes da calzada, de xeito que recollan as augas que proveñen da propia calzada e das zonas peonís, ao tempo que exercen de límite entre elas.
Deste xeito, as augas que descorren por estas dúas liñas de caces recóllense mediante imbornales directamente conectados aos pozos proxectados para a rede de drenaxe no lado do colector, mentres que do lado contrario recolleranse con arquetas-sumidoiro que desaugarán a través dos seus respectivos cruces de calzada aos mesmos pozos anteriormente mencionados.




