[13-03-2014] O Concello de Ames, a través da brigada municipal de obras, comezou estes días a repoñer o cable do alumeado público que foi roubado nos últimos meses en diferentes puntos do municipio. En total, procederase á reposición de 4.660 metros de cable que supoñen un investimento para o Concello de preto de 5.000 euros. Os operarios da brigada de obras están empregando o aluminio, para repoñer o cable do alumeado público. Este é un material máis barato que o cobre e resulta menos atractivo de cara a posibles roubos. O obxectivo desta reposición é asegurarlle o servizo de alumeado público á cidadanía, que reside nestas zonas e empregar un material substitutivo que permita frear os roubos rexistrados, que orixinan problemas e importantes perdas ás arcas municipais.
Na actualidade, os técnicos electricistas da brigada municipal de obras están levando a cabo a reposición de cableado na estrada que vai de Raíces ata a Igrexa de Biduído. Anterioemente, a semana pasada xa se realizaron estes mesmo traballos na estrada que vai dende a aldea de Burgueiros ata a ponte vella de Ponte Maceira. Nestes traballos estase empregando cable de aluminio, que é máis barato que o cable de cobre, e resulta menos atractivo de cara a posibles roubos.
Durante os vindeiros días seguirase repoñendo o cable do alumeado público que foi roubado nas zonas de Quintáns, O Vilar (Ameixenda), na estrada de Biduído a Agrela, na estrada do campo de fútbol de Agrón, na urbanización As Mimosas, na zona verde de O Reguiño (Casanova), na estrada de Outeiro a Bugallido, na estrada de Trasmonte a Suevos, na zona do colexio de Barouta, no lugar de Covas, no campo da igrexa de Trasmonte, na estrada de Trasmonte a Carballo e na estrada de Costoia a Quistiláns.
Paralelamente a estes traballos de reposición, a Policía Local de Ames está alerta para tratar de evitar que se volvan a producir estes roubos noutros lugares do municipio. A preocupación por estes sucesos xa foi transmitida polo Concello de Ames na Xunta Local de Seguridade celebrada a finais do mes de xaneiro, unha xuntanza na que a Garda Civil informou do dispositivo que ten en marcha para a prevención e as labores de seguimento e investigación destes feitos, dando conta das últimas operacións na loita contra este tipo de delitos.
Con este mesmo obxectivo de frear o número de roubos, o Concello e a Policía Local fan un chamamento aos veciños do municipio para que alerten ás forzas e corpos de seguridade de calquera situación que lles poida parecer relevante. Os números de contacto son o 619 76 75 75 (Policía Local) e o 112. A finalidade é evitar, na medida do posible, que se produzan novos roubos. Na maioría das ocasións, estes sucesos xeran o corte da subministración eléctrica.