Pestanas principais

O Concello de Ames está desenvolvendo un plan de mellora dos parques infantís municipais

Xoves, 12 de maio de 2016

[12-05-2016] O Concello de Ames, a través da concellaría de Urbanismo e Obras Públicas, está desenvolvendo un plan de mellora dos parques infantís municipais. Os traballos comezaron polos parques infantís de Augapesada, na parroquia de Ames, e de Estivada de Castelao, no Milladoiro. Previamente, realizouse unha auditoría dos parques infantís do municipio co obxectivo de comprobar o estado no que se atopan estas áreas recreativas e solucionar os problemas que presentan. Na actualidade, existen un total de 36 parques infantís (20 de area e 16 de caucho) que están situados no Milladoiro, Bertamiráns e nas parroquias da zona rural.

Esta semana comezaron cos traballos de reparación e acondicionamento nos parques infantís municipais. No parque de Estivada de Castelao, no Milladoiro, retirouse a valla perimetral que rodea ao parque para restaurala e adaptala á normativa que está vigor. Ademais, vaise instalar un cartel novo do parque, vanse limpar e recolocar as lousas de caucho do chan; e retiráronse as pezas de xogo co obxectivo de limpalas e restauralas.

No parque de Augapesada vanse realizar uns traballos similares que consistiran na reparación da valla; a instalación dun novo cartel; a restauración das pezas de xogo e a limpeza da area do chan, que haberá que sacarlle as malas herbas, descompactala e botar area nova nos lugares que sexa necesario. Estes traballos teñen un custo de 11.500 euros.

Previamente, realizouse unha auditoría dos parques infantís para saber en que estado se atopa cada un dos parques e as deficiencias que teñen. Ademais, elaboráronse uns planos de situación de cada parque infantil; fíxose unha reportaxe fotográfica de cada parque e dos seus elementos; e determinouse a altura crítica da superficie amortiguadora mediante ensaio HIC. Por último, realizouse unha proposta para solucionar as deficiencias detectadas, que están recollidas no plan de actuación que se comezou a desenvolver esta semana.

Segundo explica o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, “para o goberno municipal é prioritario mellorar o estado dos parques infantís municipais, e sobre todo, que cumpran á normativa en vigor para velar pola seguridade dos nenos e das nenas que son usuarios/as destas instalacións municipais. Para iso fixemos primeiro unha auditoría, e agora, comezamos a desenvolver un plan de mellora destes parques infantís. Sabemos que existen varios parques nun estado precario, pero o noso obxectivo é melloralos e arranxalos pouco a pouco”.

Paralelamente, dende a concellaría de Urbanismo e Obras Públicas estase traballando na posibilidade de cubrir un parque infantil no Milladoiro e outro en Bertamiráns de cara a temporada de inverno. Blas García, indica que “esta é unha demanda dos pais e nais dos nenos e nenas que empregan estas instalación municipais, polo que pretendemos que a medio prazo se poidan cubrir dous parques infantís para que os rapaces poidan facer uso deles tamén durante os meses de inverno”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames acomete mejoras en su red de parques infantiles"