Pestanas principais

O Concello de Ames está desenvolvendo a segunda edición do programa Ames Integra, un servizo de formación e integración socio-laboral para os inmigrantes

Martes, 28 de outubro de 2014

[28-10-2014] O Concello de Ames, a través dos departamentos de Benestar Social e de Promoción Económica, está desenvolvendo o proxecto Ames Integra II. Trátase dun programa de formación e integración socio-laboral, que está dirixido á poboación inmigrante que reside no termo municipal amiense. Este servizo pretende estruturar un conxunto de liñas de acción que teñen por obxecto mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos, favorecendo así a súa inserción laboral. Esta semana comezou un curso preparatorio para que o alumnado se presente aos exames en competencias clave que convoca a Xunta de Galicia. Este curso tamén inclúe formación en alfabetización dixital. Previamente, impartiuse un curso de esforzo e integración.

O Concello de Ames está desenvolvendo a segunda edición do proxecto Ames Integra, que está dirixido á poboación inmigrante que reside no termo municipal amiense. Este programa, que está organizado en colaboración entre os departamentos de Benestar Social e Promoción Económica, marca unhas liñas estratéxicas que hai que seguir para mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos. A través deste proxecto preténdese favorecer a inserción laboral deste colectivo.

A prioridade deste proxecto é impartir unhas accións formativas de base, que estean dirixidas á obtención das competencias clave. Coa posta en marcha do programa Ames Integra II búscase incrementar a competencia en habilidades sociais e o coñecemento do entorno social que ten o colectivo emigrante en Ames. Esta iniciativa está subvencionada pola Consellaría de Traballo e Benestar.

Formación transversal
Esta semana comezou un curso preparatorio para que o alumnado se presente aos exames en competencias clave que convoca a Xunta de Galicia. Neste curso, que se realizará ata o 17 de novembro, están participando un grupo de 13 alumnos/as. Este curso tamén inclúe formación en alfabetización dixital. Previamente, impartiuse un curso de esforzo e integración que está incluído no apartado de formación específica. Ademais, dentro deste programa vaise impartir un plan de inclusión socio-laboral.

Os beneficiarios do programa foron seleccionados entre os usuarios/as do departamento de Benestar Social. Os usuarios/as deste programa participarán en itinerarios personalizados de inserción socio-laboral, que son unha ferramenta clave para decidir aquelas accións que se desenvolverán durante o proceso de integración.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "A prol da formación para os inmigrantes"